Economía: favorecendo o desenvolvemento agrícola a través das fincas Areeiro en Lourizán ou Mouriscade en Lalín, colaborando na investigación para a mellora agrícola-gandeira coa Misión Biolóxica de Galicia. Contribuíndo ó fomento da pesca e da industria.
Acción municipal: apoio constante ós concellos a través dos plans de cooperación, realizando obras de carácter público, construcción de centros escolares, sanitarios, deportivos, promovendo actividades e favorecendo a electrificación na zona rural.
Rede viaria: construcción e conservación de camiños veciñais a través do seu Plan de Camiños, transformando estes en vías de comunicación.
Educación: a función educativa foi sempre un referente nas labores da Deputación. A última acción, a colaboración e participación na instalación da Facultade Belas Artes na cidade de Pontevedra; anos atrás xa o fixera coa Universidade Nacional de Educación a Distancia e maila Escola de Enfermería. A creación e mantemento da Escola de Canteiros en Poio, berce de grandes profesionais.
Acción social: ata hai uns anos coñecida por beneficencia. A Inclusa, o Hogar Provincial e a Gota de Leche, hoxe xa inexistentes, son algúns exemplos do traballo emprendido. Hoxe o carácter benéfico céntrase na Cidade Infantil Príncipe Felipe, institución tamén educativa, destinada á acollida e formación de mozos e nenos.
Sanidade: transferida esta competencia á Xunta de Galicia desde hai uns anos. A Deputación construíu o Hospital Provincial de Pontevedra e o Hospital Psiquiátrico do Rebullón en Mos (Pontevedra), propiciándolles persoal e equipamento. |