[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MARTES, 4 DE AGOSTO DE 2020
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Deportes
Páxina Principal
Servizos
Deportes
Plan Deportes 2008
Subvencións
Convenios
Federación Galega de Ciclismo
Festa do Deporte Provincial
Festa da Bicicleta
Escolas deportivas

DEPORTES 

Deputación de Pontevedra

Bases de subvencións a entidades e clubs deportivos para apoiar o deporte de competición federado para 2007

Bases | Modelo de solicitude
Modelo de inscrición | Modelo de certificado federativo

A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria do día 29 de decembro do ano 2006 aprobou, entre outros o seguinte acordo:

“BASES DE SUBVENCIÓNS A ENTIDADES E CLUBS DEPORTIVOS PARA APOIAR O DEPORTE DE COMPETICIÓN FEDERADO PARA 2007”

Dentro do labor de fomento e apoio ás iniciativas das entidades sen ánimo de lucro que ten atribuída esta Deputación, consciente da importancia de fomentar o deporte en todas as súas facetas e coñecedora das carencias que teñen aqueles que desexan realizar a súa práctica, establece axudas para paliar ese déficit que se rexerán polas seguintes:

BASES

1.— FINALIDADE E OBXECTO
Esta convocatoria, destinada a clubs deportivos federados, márcase como obxectivo específico apoiar as entidades deportivas nas actividades derivadas da participación en ligas ou competicións oficiais de ámbito comarcal, provincial, autonómico ou nacional, convocados por organismos oficiais ou federacións deportivas galegas, nas modalidades deportivas de implantación na provincia de Pontevedra, conforme o disposto na Lei 7/1985, de bases de réxime local e demais normativa de aplicación. Estas axudas financiaranse con cargo á partida 07/451.452.489.20 do orzamento da Deputación para 2007, cunha dotación dun millón cincocentos mil euros (1.500.000,00 € ).

2.— BENEFICIARIOS
Poderán optar a estas axudas as entidades e clubs deportivos que cumpran os seguintes requisitos:

  • 2.1.- Carecer de fins de lucro (acreditándose declaración responsable do solicitante).
  • 2.2.- Estar ó corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
  • 2.3.- A modalidade practicada polos clubs federados ten que ter implantación na provincia de Pontevedra.
  • 2.4.- Estaren inscritos no Rexistro de asociacións deportivas da Dirección Xeral para o Deporte.
  • 2.5.- Non estar incursos en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas.

3.— DOCUMENTACIÓN
Deberá formularse unha solicitude por cada modalidade deportiva nos modelos normalizados, que facilitarán no rexistro xeral, na sección de Deportes ou na páxina Web da Deputación: www.depontevedra.es.

Achegarase ademais a seguinte documentación:

  • 3.1.- Fotocopia cotexada da tarxeta do CIF
  • 3.2.- Fotocopia cotexada da tarxeta do NIF do representante
  • 3.3.- Certificación orixinal dos datos bancarios da entidade ou ben copia cotexada
  • 3.4.- Orzamento asinado estimativo de gastos
  • 3.5.- Declaración orixinal do representante na que conste se solicitaron outras axudas, de non estar incurso en causas de incompatibilidade ou incapacidade para percibir subvencións da Administración pública e de aceptar as bases da convocatoria, segundo modelo aprobado, así como a autorización á Deputación para optar ás certificacións da Axencia Estatal Tributaria e da Seguridade Social
  • 3.6.- Declaración responsable de estar ó corrente coas Obrigas Tributarias e coa Seguridade Social
  • 3.7.- Certificado de estar inscritos no Rexistro de asociacións deportivas da Dirección Xeral para o Deporte
  • 3.8.- Certificación, segundo modelo aprobado pola Deputación, da federación galega correspondente na que se especifique:
    • 3.8.1.- Participación do equipo en competición na temporada 2006-2007
    • 3.8.2. Número de equipos participantes, por categoría do equipo, nivel da competición e sexo
    • 3.8.3.- Número de licenzas por categoría e sexo que participan en competición na temporada 2006/2007

As entidades poderán autorizar á Deputación de Pontevedra para solicitar da Axencia Estatal da Administración Tributaria a certificación de estar ó corrente coas Obrigas Tributarias e coa Seguridade Social.

Se o escrito de solicitude non reunise os datos de identificación ou calquera dos previstos no art. 70 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, o interesado será requirido para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicando que, en caso de non facelo, se terá por desistido, arquivándose sen máis trámites.

4.— LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
As solicitudes presentaranse no rexistro reral da Deputación e na forma prevista no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no boletín oficial da provincia e rematará o 28 de febreiro de 2007.

5.— VALORACIÓN DAS SOLICITUDES
A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva..

A selección das peticións e a contía das subvencións determinarase unha vez consideradas as actividades que se van realizar, ponderando as seguintes circunstancias:

  1. Nivel de competición da agrupación ou club, ata 15 puntos
  2. Número de licenzas federativas, ata 15 puntos
  3. Número de equipos participantes na actual temporada, ata 15 puntos
  4. Equipo sénior en categoría nacional, 5 puntos
  5. Adecuación das actividades que se van realizar ó interese provincial, ata 30 puntos

As propostas da concesión de subvencións someteranse ó informe da Comisión de Xuventude e Deportes e mais á aprobación do órgano de goberno competente.

Transcorridos seis meses, a partir do día seguinte do remate do prazo de presentación da solicitude, sen que os interesados obteñan unha resposta expresa, entenderase desestimada a petición.

A resolución da concesión deberáselles notificar expresamente a todos os solicitantes de forma fidedigna.

Contra a desestimación expresa ou presunta das solicitudes presentadas poderán formularse os recursos que procedan.

6.— XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO
Unha vez notificadas as axudas concedidas os clubs beneficiarios deberán xustificalas no prazo de trinta días e en todo caso antes do 31 de xaneiro de 2008. Para cobrar a axuda concedida as entidades deberán estar ó corrente das súas obrigas fiscais coa Axencia Estatal Tributaria, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra, situación que determinará de oficio a propia Deputación, a través do Servizo provincial de Intervención. O aboamento da subvención materializarase mediante ingreso na conta sinalada pola entidade. O beneficiario da subvención, de acordo co establecido na base 25.8ª-2ºf) de execución de orzamento 2007, para efectos de xustificación deberá remitir un certificado acreditativo de toma de razón na contabilidade da entidade ou club. Conxuntamente deberá presentar declaración de se se recibiron ou non outras axudas ou subvencións coa mesma finalidade e acreditamento da debida divulgación do financiamento por parte da Deputación da actividade subvencionada, sendo suficiente a declaración responsable por parte do representante de a ter feito.

7.— ÓRGANO COMPETENTE
De acordo co establecido na base 16.2 das de execución do orzamento para 2007 e dando cumprimento ó establecido no artigo 18 da Lei xeral de subvencións, o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

8.— DEREITO SUPLETORIO
Para o non previsto nesta convocatoria serán de aplicación as normas incluídas nas bases de execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2007 e na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.”



Boletín Oficial da Provincia, data 15/01/07, número 10, páxina 2, anuncio 2007000276.
INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 15/01/2007 10:45
Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/