[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MARTES, 4 DE AGOSTO DE 2020
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Deportes
Páxina Principal
Servizos
Deportes
Plan Deportes 2008
Subvencións
Asociacións e clubs deportivos
Clubs e deporte base
Arreglo e mellora de campos deportivos
Convenios
Festa do Deporte Provincial
Festa da Bicicleta
Escolas deportivas

DEPORTES 

Deputación de Pontevedra

Bases de subvencións dirixidas a agrupacións e clubs deportivos sen ánimo de lucro para actividades deportivas, adquisición de material inventariable e mellora de instalacións. Ano 2007

Bases | Modelo de solicitude | Modelo de declaración

A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria do día 29 de decembro do ano 2006 aprobou, entre outros o seguinte acordo:

BASES DE SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS A AGRUPACIÓNS E CLUBS DEPORTIVOS SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA ACTIVIDADES DEPORTIVAS, ADQUISICIÓN DE MATERIAL INVENTARIABLE E MELLORA DE INSTALACIÓNS ANO 2007

A Deputación, consciente da importancia de fomentar o deporte en todas as súas facetas e coñecedora das carencias tanto en material coma en instalacións que teñen aqueles que desexan realizar a súa práctica, establece as bases reguladoras de concesión de axudas e subvencións públicas destinadas a promocionar, fomentar e impulsar as actividades e investimentos deportivos, segundo os principios de obxectividade, concorrencia competitiva, publicidade e transparencia.

1.— Obxecto
A finalidade desta convocatoria é apoiar as entidades e clubs deportivos sen animo de lucro na realización de actividades deportivas, de adquisición de material deportivo inventariable e mellora de instalacións deportiva durante o ano 2007.

A concesión das axudas estará suxeita á dispoñibilidade orzamentaria para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2007, convocándose as subvencións que a continuación se detallan:

MATERIAPROGRAMAPARTIDAORZAMENTO
DEPORTES A/07 Actividades deportivas 07/451.452.489.04 150.000,00 €
B/07 Persoas físicas 07/451.452.489.07 15.000,00 €
B/07 Equipamento 07/451.452.789.00 200.000,00 €
C/07 Infraestruturas 07/451.452.789.04 150.000,00 €


O programa A/07 “actividades deportivas” vai dirixido ó financiamento de campionatos e eventos deportivos que desenvolverán os clubs ou entidades deportivas ó longo do ano 2007.

O programa B/07 “persoas físicas” vai dirixido ó financiamento de campionatos ou eventos deportivos de relevancia nacional nos que participen os deportistas da provincia.

O programa C/07 “equipamento” vai dirixido a financiar a adquisición de material deportivo inventariable e mellorar as instalacións deportivas que realicen as agrupacións e clubs deportivos sen ánimo de lucro no seu ámbito territorial.

O programa D/07 “Infraestruturas”vai dirixido ó financiamento do arranxo de campos deportivos non municipais.

2.— Beneficiarios
Poderán solicitar estas axudas todas as agrupacións e clubs deportivos legalmente constituídos e persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:

  1. Carecer de fins de lucro (acreditarao en declaración responsable o solicitante).
  2. Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia ou sobre temas de interese para a provincia.
  3. Non estar incursas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas.
  4. Estar ó corrente coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

3.— Solicitudes e documentación
As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no rexistro xeral da Deputación, no Servizo de Cultura, Xuventude e Deportes ou na páxina web da Deputación: www.depontevedra.es, achegando ademais a seguinte documentación:

  1. Fotocopia cotexada da tarxeta de identificación fiscal da entidade.
  2. Fotocopia cotexada do DNI do representante legal.
  3. Memoria explicativa da actividade concreta ou do investimento asinada polo representante.
  4. Orzamento detallado dunha actividade concreta e determinada ou, no seu caso, do investimento asinado polo representante. A entidade haberá de solicitar, polo menos, tres ofertas de distintos provedores no caso de que o gasto sexa superior a 30.000 €, para a realización de obras ou superior a 12.000 € para a adquisición de equipamento.
  5. Declaración na que conste se se solicitaron outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade ou investimento a subvencionar.
  6. Declaración de non estar incurso en causas de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas e de aceptación das bases da convocatoria.
  7. Declaración responsable de estar ó corrente coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social
  8. Declaración do número de licenzas federativas.
  9. Certificación orixinal dos datos bancarios ou ben copia cotexada a nome da entidade peticionaria.

As entidades poderán autorizar a Deputación de Pontevedra para solicitar as certificacións de estar ó corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social.

As entidades só poderán solicitar unha subvención por cada programa, debendo presentar expedientes completos por cada solicitude.

Se o escrito de solicitude non reunise os datos de identificación ou calquera dos previstos no art. 70 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, requirirase ó interesado para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicando que, en caso de non facelo, se terá por desistido, arquivándose sen máis trámites.

4.— Lugar e prazo de presentación
As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Deputación e na forma establecida no art. 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo de presentación de solicitudes comezará ó día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no boletín oficial da provincia e rematará o 28 de febreiro de 2007.

5.— Valoración e concesión
A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta para adxudicación das axudas os seguintes criterios:

  1. Categoría da agrupación ou club, ata 15 puntos.
  2. Número de licenzas federativas, ata 15 puntos.
  3. Antigüidade da agrupación ou club deportivo, ata 10 puntos.
  4. Orzamento total do investimento e porcentaxe solicitada de financiamento, ata 30 puntos.
  5. Adecuación das actividades ou investimentos que se van realizar ó interese provincial, ata 30 puntos.

As propostas de concesión de subvencións someteranse ó informe da Comisión de Xuventude e Deportes. Non obstante, o órgano competente poderá resolver, ó longo do exercicio orzamentario, aquelas solicitudes que, por circunstancias novas ou causas imprevisibles e excepcionais non puideran presentarse no prazo sinalado, reservándose a estes efectos a Presidencia ata un 20 % do crédito total destes programas para a súa concesión directa, tal como se establece na base 25.2ª das de execución do vixente orzamento provincial.

Transcorridos seis meses, a partir do día seguinte en que remate o prazo de presentación da solicitude, sen que os interesados obteñan unha resposta expresa, entenderase desestimada a petición.

O conxunto das axudas recibidas en ningún caso poderá superar o 100% do custo real da actividade ou da adquisición ou da mellora a desenvolver polo beneficiario.

6.— Xustificación e pagamento
Unha vez notificadas as axudas concedidas e realizada a actividade ou o investimento os beneficiarios deberán xustificalas no prazo máximo de tres meses e en todo caso antes do 31 de marzo de 2008.

Para o cobro da subvención as entidades deberán presentar a seguinte documentación:

  1. Facturas ou documentos análogos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo polo importe da subvención concedida, indicando cada factura, número de unidades, prezos unitario destas e custo total de cada unidade.
  2. Conta xustificativa dos gastos, na que se determinará o custo ou gasto total da finalidade subvencionada, detallando as facturas ou documentos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo, na que se poña de manifesto que os gastos que figuran en dita conta xustificativa se aplicaron á finalidade para a que foi concedida a axuda, indicando que o resto dos xustificantes da conta se encontra no domicilio da entidade beneficiaria a disposición da Deputación do seu exame, tal como se establece na base 25.8º.2c das de execución do vixente orzamento provincial.
  3. Os gastos xustificados deberán axustarse no posible ós conceptos incluídos no orzamento inicial, non aboándose máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida.
  4. No caso de subvencións de execución de obras ou instalacións que superen os 12.000 euros poderase esixir un informe previo do técnico provincial.
  5. No caso da realización d investimento por administración será necesario achegarlle á certificación a xustificación de todos os gastos relacionados nela informando o técnico provincial que estes se axustan ó orzamento ou proxecto previo.
  6. Declaración de non ter recibido outras subvencións de administracións públicas ou entidades privadas para a finalidade subvencionada ou, no seu caso, detalle do financiamento obtido e declaración responsable de que os ingresos non superan o custo da finalidade subvencionada.
  7. Para cobrar a axuda concedida as entidades deberán estar ó corrente das súas obrigas fiscais coa Axencia Estatal Tributaria, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra, situación que determinará de oficio a propia Deputación, a través do Servizo Provincial de Intervención.
  8. A xustificación deberá ir xunto cunha memoria da actividade ou do investimento realizado dos resultados obtidos.
  9. Acreditar a debida divulgación do financiamento por parte da Deputación da actividade ou investimento subvencionado, sendo suficiente a declaración responsable do representante de ter feito esta.

Para o pagamento da subvención terase en conta o seguinte: - No caso de que se xustifique gasto polo 100 % do orzamento subvencionado, aboarase a totalidade da subvención. - No caso de que se xustifique un gasto inferior ó 100 %, aboarase a parte proporcional da subvención.

O pagamento efectuarase por transferencia á conta bancaria indicada polo perceptor.

Os gastos de aloxamento, gastronómicos e desprazamentos admitiranse soamente cando garden relación directa coa actividade e sexan necesarios para esta. Os gastos gastronómicos non superarán o 50 % da subvención concedida, obrigándose os beneficiarios a explicalos detalladamente.

7.— Devolución e reintegro
As axudas concedidas deberán devolvelas ou reintegralas nos seguintes casos:

  1. Por obtelas falseando as condicións requiridas.
  2. Por non aplicala ós fins para os que foi concedida.
  3. Por incumprir o beneficiario as obrigas asumidas e as condicións fixadas nestas bases.

8.— Órgano de aprobación
De acordo co establecido na base 16.2 das de execución do orzamento para o 2007, e dando cumprimento ó establecido no artigo 18 da Lei xeral de subvencións, o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

9.— Dereito supletorio
Para o non disposto nas presentes bases, contemplarase o establecido nas bases de execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2007 e na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE número 276, de 18/11/2003).



Boletín Oficial da Provincia, data 15/01/07, número 10, páxina 7, anuncio 2007000275.
INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 15/01/2007 10:48
Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/