[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MARTES, 4 DE AGOSTO DE 2020
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Taboleiro de anuncios » Subvencións, axudas, bolsas...
Páxina Principal
Taboleiro de anuncios
Boletín Oficial da Provincia
Emprego Público
Subvencións, axudas, bolsas...
Perfil do contratante
Cursos
Extractos do Pleno
Extractos da
Xunta de Goberno
Decretos Presidenciais
Notas de Prensa
Axenda

Páxina [1] 2
SUBVENCIÓNS, AXUDAS, BOLSAS... 

Deputación de Pontevedra

Programa de Acción Municipal (PAM)
exercicio 2007

Bases | Anexos

Bases

A Xunta de Goberno desta Excma. Deputación Provincial na súa sesión ordinaria do día 9 de febreiro de 2007, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

FÓRA DA ORDE DO DÍA, e previa declaración de urxencia adoptáronse os seguintes acordos:

BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE ACCIÓN MUNICIPAL
SECCIÓN ACTIVIDADES 2007

A Xunta de Goberno acorda por unanimidade, no uso das facultades que lle confiren os artigos 36 da Lei 7/85, de 2 de abril, e 30 do R.d.l. 781/86, de 18 de abril, e consciente da importancia de promover, fomentar e impulsar actividades para concellos e outras entidades locais, dadas as carencias de recursos das mesmas, aprobar as bases reguladoras de concesión de axudas e subvencións públicas dentro do Plan de Acción Municipal, Sección Actividades para o exercicio 2007, segundo os principios de obxectividade, concorrencia competitiva, publicidade e transparencia, que son as seguintes:

“BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE ACCIÓN MUNICIPAL, SECCION ACTIVIDADES (PAM), PARA O EXERCICIO 2007

1.— OBXECTO
A finalidade desta convocatoria é subvencionar aquelas actividades culturais e deportivas, xestionadas libremente polas entidades locais, coa finalidade de apoiar e contribuír o desenvolvemento sociocultural e deportivo dos concellos e demais entidades locais da provincia na realización de actividades, durante o ano 2007.

O obxectivo das actividades que se acollan ás subvencións deste Programa de Acción Municipal, Sección Actividades, será asegurar a prestación integral e adecuada ós Servizos de competencia municipal, dirixido a todos os concellos e outras entidades locais da provincia con poboación inferior a 50.000 habitantes.

Poderán ser obxecto da subvención as actividades organizadas polas entidades locais seguintes:

  1. As actividades culturais, que contribúan o desenvolvemento, cultural, educativo e social das persoas que viven nos municipios e outras entidades locais, e que o seu Plan de Execución teña lugar entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do exercicio 2007. En xeral o tipo de actividades susceptibles de subvención son as que deseguido relacionamos:
    1. Actividades de difusión cultural, favorecedoras da extensión e divulgación da cultura, como son as proxeccións de cine, vídeo, representacións teatrais, música, folclore e tradición, viaxes estritamente culturais dun día de duración ou máis e outros eventos semellantes.
    2. Actividades artísticas, favorecedoras da creatividade e a iniciativa cultural, como son o fomento dos grupos de teatro, grupos musicais, creacións literarias tales como revistas culturais, científicas, recitais, concursos literarios, etc.
    3. Actividades lúdicas, favorecedoras do esparcimento e ocio, como son festexos tradicionais folclóricos, semanas culturais, etc.
    4. Actividades formativas, favorecedoras da promoción educativa, cultural e profesional das persoas do municipios como son cursos de formación xeral, ciclos culturais, conferencias socioculturais, encontros e xornadas de estudo, etc.
    5. Calquera outra actividade cultural semellante as anteriores.
  2. As actividades deportivas, que contribúan o desenvolvemento deportivo e de esparcimento, con repercusión que incida na promoción deportiva dentro da provincia de Pontevedra, con Plan de Execución que teña lugar entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do exercicio 2007, e que se detallan a continuación:
    1. Actividades organizativas de eventos deportivos puntuais, tales como organización de campionatos, ligas, etc.
    2. Actividades participativas en eventos deportivos, de carácter puntual e extraordinario.
    3. Actividades de fomento deportivo, sendo a súa finalidade a promoción, fomento e formación deportiva con carácter específico ou inespecífico.
    4. Calquera outra actividade deportiva semellante as anteriores.

2.— FINANCIAMENTO
O seu financiamento e réxime acomodaranse ó determinado nestas Bases. Dito Programa, por importe de oitocentos mil (800.000,00) euros, financiarase con cargo ó Orzamento de 2007, partida 911.911.462.00, que poderá incrementarse mediante suplementación de créditos.

3.— REQUISITOS
As actividades culturais e deportivas municipais serán caracterizadas pola concorrencia dos seguintes requisitos:

  1. Libre determinación dos concellos na elección das obras que desexan executar.
  2. Voluntariedade na participación e liberdade dos concellos na forma de organizarse.

4.— BENEFICIARIOS
Poderán solicitar estas axudas todos os concellos e entidades locais da provincia menores de 50.000 habitantes, que desexen acollerse a esta convocatoria e que teñan previsto realizar actividades deportivas e culturais no período comprendido dende o 1 de xaneiro ó 31 de decembro do ano 2007.

Os beneficiarios da subvención estarán obrigados ó seguinte:

  1. As axudas serán compatibles con outras subvencións concedidas por outras entidades para o mesmo proxecto, pero en ningún caso o volume das mesmas poderá superar o custo da actividade a realizar. A tal efecto comunicarase á Deputación Provincial de Pontevedra a obtención doutras subvencións ou axudas propias para a mesma finalidade, procedente de calquera Administración, incluída a Deputación Provincial de Pontevedra, ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou estranxeiros.
  2. Difundir convenientemente e facer constar en toda información que a actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Pontevedra.
  3. Comunicar ó Servizo de Cooperación calquera eventualidade na actividade ou programa subvencionado, cando afecte a tal subvención e no momento en que aquela se produza.
  4. Proporcionar toda a información que lle sexa requirida polo Servizo de Cooperación encargado do seguimento e evolución das subvencións.

5.— SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN
As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no rexistro xeral da Deputación, no Servizo de Cooperación ou na páxina web da Deputación: www.depontevedra.es, achegando ademais a seguinte documentación:

  1. Memoria explicativa da actividade concreta, debidamente asignada.
  2. Orzamento da actividade a realizar, detallado e debidamente asinado.
  3. Declaración responsable na que conste se a entidade local obtivo ou solicitou calquera outra axuda, subvención, ingresos ou recursos que financien a actividade a subvencionar, e compromiso de comunicar a Deputación as que se obteñan nun futuro.
  4. Resolución ou certificación do acordo do órgano competente da Entidade Local polo que se determine a actividade e solicitude de subvención para a súa realización.
  5. Declaración responsable de estar ó corrente das obrigas tributarias (Estado e Deputación) e coa Seguridade Social.
  6. Declaración de non estar incurso en causas de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas e de aceptación das bases da convocatoria.

As Entidades Locais deberán presentar as solicitudes especificando as actividades concretas, debendo presentar expedientes completos por cada solicitude.

Calquera falsidade dos datos presentados dará lugar á perda da subvención concedida, ademais doutras medidas que para o caso poida arbitrar a Deputación de Pontevedra.

Se o escrito de solicitude non reunise os datos de identificación ou calquera dos previstos no art. 70 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, requirirase ó interesado para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicando que, en caso de non facelo, terase por desistido, arquivándose sen máis trámites.

6.— LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación ou nos lugares establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes de subvencións, que se acollan a este programa, comezará ó día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no boletín oficial da provincia, sendo de 30 días naturais.

7.— COMPATIBILIDADE
As axudas serán compatibles con outras axudas ou subvencións concedidas por outras entidades para a mesma obra ou adquisición, pero en ningún caso o volume das mesmas poderá superar o custo da actividade a realizar. A tal efecto comunicarase a Deputación Provincial de Pontevedra a obtención doutras subvencións ou axudas propias para a mesma finalidade, procedente de calquera Administración, incluída a propia Deputación, ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou estranxeiros.

8.— SELECCION E CONCESIÓN
A asignación de subvencións ás distintas actividades, sexan culturais ou deportivas, farase en función dos seguintes criterios:

  1. Número de poboación beneficiada na entidade local obxecto da subvención.
  2. Orzamento destinado á realización da actividade.
  3. Interese xeral da actividade na entidade local afectada.
  4. Existencia de planificación establece de actividades na entidade local.
  5. Repercusión e incidencia da actividade na Provincia de Pontevedra.
  6. Custo da actividade en relación coa capacidade económica da entidade local.
  7. Fomento dos valores que se patrocinen, especialmente en relación coa Comunidade Autónoma.

Non poderá concederse para una actividade unha subvención inferior a seiscentos (600,00) euros.

Así mesmo, os beneficiarios poderán, por razóns xustificadas, solicitar unha reformulación da subvención concedida.

As propostas de concesión de subvencións someteranse ó informe da Comisión Informativa de Cooperación e Mancomunidades. Sendo procedemento ordinario de concesión das axudas o de concorrencia competitiva. Non obstante, o órgano competente poderá resolver, ó longo do exercicio orzamentario aquelas solicitudes que, por circunstancias novas ou causas imprevisibles e excepcionais non puideran presentarse no prazo sinalado, reservándose a estes efectos a Presidencia ata un 20 % do crédito total deste programa para a súa concesión directa, tal como se prevé na base 25.2ª das de execución do vixente orzamento provincial. A acreditación das causas imprevisibles e excepcionais deberase facer mediante informe dos servizos técnicos da entidade beneficiaria.

Transcorridos seis meses, a partir do día seguinte en que remate o prazo de presentación da solicitude, sen que os interesados obteñan unha resposta expresa, entenderase desestimada a petición.

O conxunto das axudas recibidas en ningún caso poderá superar o 100% do custo real da actividade a realizar polo beneficiario.

9.— MODIFICACIÓN DA SOLICITUDE
As subvencións concedidas entenderanse aceptadas se os beneficiarios non se opoñen ou rexeitan expresamente no prazo de dez días contados dende a súa notificación.

Cando a subvención concedida non acade o 100% do orzamento no que se baseou a solicitude, o beneficiario da actuación subvencionadora poderá modificar a súa solicitude axustando o programa e orzamento as súas posibilidades de financiamento, axeitándose ó establecido nas distintas normas desta convocatoria.

A modificación deberá ser solicitada antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade subvencionada.

10.— XUSTIFICACIÓN E ABOAMENTO DAS SUBVENCIÓNS

  1. Unha vez notificadas as axudas concedidas e realizada a actividade, os beneficiarios deberán xustificalas antes do día 30 de xuño do 2008.
  2. No caso de non poder presentala xustificación na data establecida na Base 9.1, as entidades beneficiarias poderán solicitar unha ampliación do prazo establecido para a xustificación sempre que non exceda da metade do mesmo.
  3. A solicitude de prórroga deberá obrar nesta Deputación antes de que finalice o prazo de execución da actividade subvencionada.
    Será esixida a xustificación do 100% do orzamento presentado para recibir a totalidade da subvención.
    No caso de que se xustifique un gasto inferior ó 100% do orzamento subvencionado, aboarase a parte proporcional da subvención.
  4. Para recibilas subvencións concedidas, de acordo con estas bases, cómpre presentar, directamente na Deputación Provincial, os seguintes documentos:
    1. Facturas orixinais, ou fotocopias compulsadas, debendo corresponder o gasto á actividade subvencionada, e con data comprendida entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do 2007, ambos inclusive. A xustificación con facturas será, como mínimo, polo importe da subvención concedida.
    2. Conta xustificativa dos gastos, na que se determinará o custo ou gasto total da finalidade subvencionada, detallando as facturas ou documentos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo (identificando: acredor e documento, importe, data de emisión, se é posible, data na que se pagou; información, no seu caso, das desviacións con relación o orzamento que serviu de base á concesión). (Anexo III).
    3. Os gastos xustificados deberán axustarse ós conceptos incluídos no orzamento inicial, non aboándose mais que o importe xustificado co límite da subvención concedida.
    4. Declaración de non ter recibido outras subvencións de Administracións Públicas para a finalidade subvencionada, ou de recibilas detalle do financiamento obtido e declaración responsable de que os ingresos non superan o custo da actividade subvencionada.
    5. Declaración responsable de terse realizado a actividade de acordo coa finalidade para a que se concedeu a subvención.
    6. Certificación do secretario ou interventor (ou funcionario competente) acreditativa de que os gastos que figuran na conta xustificativa son reais e se aplicaron á actividade subvencionada, quedando a disposición da Deputación para o seu exame, se se considera oportuno, os xustificantes correspondentes.
    7. Para o pago da subvención terase en conta o seguinte:
      • No caso de que se xustifique gasto polo 100% do orzamento subvencionado, aboarase a totalidade da subvención.
      • No caso de que se xustifique gasto inferior ó 100%, aboarase a parte proporcional da subvención.

O aboamento da subvención practicarase directamente a Entidade Local beneficiaria da subvención.

11.— CAMBIO DE APLICACIÓN
Non se admitirá o cambio de aplicación da subvención se non se solicita antes do 31 de outubro do 2007, sempre que existan razóns excepcionais que o aconsellen e así o decida o Presidente ou Vicepresidente en quen delegue, e que se poida realizar a nova actividade no prazo de execución que se establece para as que se acollan a este programa.

12.— DEVOLUCIÓN E REINTEGRO
As axudas concedidas deberán devolvelas ou reintegralas nos seguintes casos:

  1. Por obtelas falseando as condicións requiridas.
  2. Por non aplicala ós fins para os que foi concedida.
  3. Por incumprilo beneficiario as obrigas asumidas e as condicións fixadas nestas bases.

As responsabilidades anteriormente citadas esixiranse de acordo co procedemento previsto na Lei de réxime xurídico das Administracións Públicas. Así mesmo, o reintegro das cantidades efectuarase de acordo co procedemento previsto no Regulamento xeral de recadación.

13.— APROBACIÓN DAS BASES
De acordo co establecido na Base 16.2 das de execución do orzamento para o 2007, e dando cumprimento ó establecido no artigo 18 da Lei xeral de subvencións, o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

14.— DEREITO SUPLETORIO
Para o non disposto nas presentes bases, contemplarase o establecido nas bases de execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2007 e na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE número 276, de 18/11/2003).

15.— RECLAMACIÓNS
Contra o acordo da aprobación destas bases que pon fin á vía administrativa poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, perante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó desta notificación (artigos 107 e 117 da Lei 30/1992, de 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro), ou ben, directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra segundo o disposto no artigo 8 da Lei 29/1988, de 13 de xullo Reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa, e todo iso no prazo establecido no artigo 46 da citada Lei.

Pontevedra, 14 de febreiro de 2007
O SECRETARIO

Boletín Oficial da Provincia, data 21/02/07, número 37, páxina 35, anuncio 2007001615.

Páxina Seguinte Páxina [1] 2

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 22/02/2007 14:16
Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/