[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MARTES, 4 DE AGOSTO DE 2020
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Taboleiro de anuncios » Subvencións, axudas, bolsas...
Páxina Principal
Taboleiro de anuncios
Boletín Oficial da Provincia
Emprego Público
Subvencións, axudas, bolsas...
Perfil do contratante
Cursos
Extractos do Pleno
Extractos da
Xunta de Goberno
Decretos Presidenciais
Notas de Prensa
Axenda

SUBVENCIÓNS, AXUDAS, BOLSAS... 

Deputación de Pontevedra

Novos Valores 2007. Certame de artes plásticas

Bases | Boletín de inscrición | Acta do xurado

A Xunta de Goberno desta Excma. Deputación Provincial na súa sesión ordinaria do día 9 de marzo de 2007, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

NOVOS VALORES 2007 CERTAME DE ARTES PLÁSTICAS

A Deputación de Pontevedra, significada ao longo da súa historia polo seu compromiso coa promoción da Cultura en xeral e das Artes en particular, convoca o Certame de Artes Plásticas Novos Valores 2007. Rexerase polas seguintes:

B A S E S

1.—
Poderán participar neste certame, sen límite de idade, todos os artistas (pintores, escultores, debuxantes, deseñadores, gravadores, fotógrafos, ceramistas, videocreadores, etc.) susceptibles de seren considerados novos valores, naturais ou residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, debendo, en último caso, acreditar documentalmente esa circunstancia. Quedan excluídos da convocatoria os artistas xa premiados nalgunha das anteriores convocatorias deste mesmo certame.

2.—
As obras presentadas deberán ser orixinais, non admitíndose as que xa fosen expostas noutras mostras, individuais ou colectivas, ou figurasen noutros concursos. Só se aceptarán dúas obras por artista en cada especialidade. O seu peso non será superior ós 500 quilos e a súa máxima dimensión non excederá os 2'00 m. No ámbito da creación audiovisual, admitiranse obras unicamente en soporte CD ou DVD e en formato vídeo, non podendo exceder a duración da proxección de 4 minutos. A exhibición dos traballos seleccionados neste eido farase mediante unha proxección continuade todas as obras desde un reproductor de DVD a un monitor. Se algún autor desexase outro tipo de proxección, deberá achegar, tanto para a selección do xurado coma para a exhibición, os aparellos técnicos necesarios para poder efectuala, sempre adaptados ao lugar no que a obra se presente.

3.—
As obras presentaranse no Edificio “Sarmiento” do Museo Provincial de Pontevedra, ben persoalmente, ben a través dun medio de transporte que garanta a súa entrega. O prazo de recollida estenderase desde o día 8 deica o 18 de maio deste ano, de martes a venres e entre as 10:00 e as 13:00 horas. Xunto coa obra ou obras os artistas entregarán unha fotocopia do seu DNI e o boletín de inscrición con todos os campos debidamente cubertos. Este poderá ser recollido tanto no Servizo de Cultura da Deputación Provincial coma no Museo Provincial de Pontevedra. No momento da entrega os concursantes recibirán un recibo que a documente. A súa presentación será imprescindible para a posterior retirada da obra.

4.—
A Deputación de Pontevedra, como entidade organizadora do certame, custodiará as obras recibidas, pero non se fará responsable dos sinistros de calquera clase que se puidesen producir durante o transporte, custodia, exposición e devolución das obras. Recoméndase, por iso, que os seus remitentes as aseguren.

5.—
Correrán por conta dos concursantes os gastos de envío e devolución das obras, así como da póliza de seguro, de ser o caso. A súa retirada, segundo ós prazos que se sinalan na base oitava, deberá realizarse de maneira persoal prioritariamente. Se non se fai así, será responsabilidade dos interesados a xestión directa da devolución.

6.—
As obras presentadas ó certame serán obxecto dunha primeira selección coa que se conformará a exposición Novos Valores 2007, que estará aberta ó público, no lugar que oportunamente se indicará, durante o mes de agosto.

7.—
Todas as obras seleccionadas serán reproducidas no catálogo que se editará como complemento da exposición. Corresponderalles ós seus autores, non obstante, a xestión ou a obtención dos permisos necesarios para esa inserción gráfica.

8.—
As obras non seleccionadas deberán retiralas os seus autores dentro dos dez días seguintes ó da difusión pública dos acordos do xurado seleccionador. As seleccionadas, á súa vez, deberán recollelas tamén os seus autores, nos dez días seguintes ó último no que estivesen expostas. No caso contrario, entenderase que renuncian á súa propiedade, quedando a organización facultada para tomar as decisións que sobre elas estime oportunas.

9.—
O xurado seleccionador nomearao o presidente da Deputación de Pontevedra. A súa composición será a seguinte:

  • Presidente:
    O titular da Corporación provincial ou deputado en quen delegue.
  • Vogais:
    O deputado-presidente da Comisión de Cultura.
    Cinco persoas de recoñecido prestixio nos campos da crítica, das artes ou da historia da arte.
  • Secretario:
    O titular da Deputación ou funcionario en quen delegue.

10.—
Este mesmo xurado será o encargado de propoñer, de entre as obras inicialmente seleccionadas, a adxudicación ós seus autores de seis axudas económicas para ampliación dos seus estudos artísticos, por importe de seis mil (6.000) euros brutos cada unha. Unha destas bolsas levará o nome específico de José Fernández López e deberá recaer, necesariamente, nunha obra pictórica. Corresponderá a súa dotación a D. Manuel Fernández de Sousa Faro, fillo de tan egrexia personalidade. O importe destas axudas imputarase con cargo á partida 07/451.451.481.01 do vixente orzamento provincial.

11.—
A concesión da axuda económica será obxecto dun convenio entre o/a adxudicatario/ a e a Deputación de Pontevedra no que se concretará o seu emprego, aboándose o 50% do importe no momento de asinalo e o restante 50% ó entregar a memoria, coa xustificación do investimento realizado, e dúas obras orixinais e asinadas.

12.—
A participación neste certame leva implícita a aceptación plena destas bases. O xurado seleccionador, cuxas decisións serán inapelables, queda facultado, ademais, para interpretar e resolver as dúbidas que se puidesen presentar no transcurso das súas deliberacións.



Boletín Oficial da Provincia, data 21/03/07, número 57, páxina 22, anuncio 2007002680.
INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 24/07/2007 14:05
Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/