DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

XOSÉ CARLOS SERÁNS OLVEIRA

Xosé Carlos Seráns Olveira nace en Ribeira (A Coruña), aínda que a súa vida persoal se desenvolve en Xuño, no concello de Porto do Son (A Coruña). Comeza a súa andaina musical ós once anos na banda de música de Caamaño, co mestre Francisco Olveira Santos.

Ós anos pasa a formar parte do corpo de bandas de música da Armada, destinado na banda de música do terzo norte de Ferrol. En 1987 acada por oposición libre a praza de tuba na banda municipal de música de Santiago de Compostela, da que na actualidade tamén é xerente.

Persoa comprometida coa música en Galicia, é impulsor dos seguintes proxectos:

  • 1988.- Escola de música municipal de Catoira
  • 1989.- Grupo de metais de Santiago
  • 1989.- Banda de música municipal de Catoira
  • 1993.- Cuarteto de tubas Euphonium
  • 1994.- Banda Sinfónica de Galicia
  • 1995.- Grupo de metais de Galicia
  • 1997.- Solfa, asociación cultural e musical
  • 2000.- Banda Filharmónica de Galicia
  • 2002.- Escola municipal de música de Santiago
  • 2004.- Escola municipal de música de Ames
  • 2004.- Gallaecia Orquestra
  • 2005.- Banda sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares

Ten realizado numerosos cursos de perfeccionamento de metais, composición e dirección de orquestra e banda con mestres coma Miguel Torres, Enrique Ferrando, Walter Rand Stormont, Harvey Philiphs, Mel Culbertson, Miguel Navarro, Henrie Adams, Aldo Ceccato, Helmuth Rilling, Francisco Grau Vergara, Bernardo Adam Ferrero, Manuel Hernández Silva, Tristán Murail, Magnus Linberg, Antón García Abril, etc.

Entre 1990 e 1992 foi coordinador da área didáctica dos concertos para escolares no Auditorio de Galicia, e durante os anos 1992-1999 foi profesor e vice-director do centro autorizado de ensino musical de grao medio Martín Millán de Vilagarcía de Arousa.

É titulado superior na especialidade de dirección de orquestra polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid.

É socio da SGAE e autor de numerosas obras e arranxos orquestrais para banda de música, orquestra e grupos instrumentais, entre os que destacan as seguintes composicións para coro e banda:

Soneto á Terra Chá; texto de Xosé Chao Rego, para banda e coro mixto, estreada o 25 de xuño de 2005 pola Banda Filharmónica de Galicia no Auditorio de Galicia.

Rosas; texto de Manuel María, para banda e coro mixto, estreada o 26 de novembro de 2005 pola Banda Filharmónica de Galicia e Corais de Compostela no Auditorio de Galicia.

A saleta; texto de Manuel María, para banda e coro mixto, estreada o 26 de novembro de 2005 pola Banda Filharmónica de Galicia e Corais de Compostela no Auditorio de Galicia.

Poema da ausencia; texto de Manuel Olveira, para voz e piano e instrumentada para Voz e Grupo de Vento, estreada o 5 de maio de 2007 pola banda sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares e Corais de Compostela no Auditorio de Galicia.

Apreixar o vento; texto de Marta Dacosta, para banda, soprano e coro mixto, estreada o 5 de maio de 2007 pola banda sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares e Corais de Compostela no Auditorio de Galicia.

Desenvolve a seguinte actividade profesional:

  • Tuba do grupo de metais de Galicia
  • Tuba e xerente da banda municipal de música de Santiago
  • Director da Banda Filharmónica de Galicia
  • Director da escola municipal de música de Ames
  • Director da escola de música de Solfa
  • Director da banda sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares

Entre os seus próximos proxectos están a representación de A historia do soldado de Igor Stravinsky, no Auditorio de Galicia, nunha adaptación ó galego en forma de conto didáctico con representación teatral; a estrea e gravación das obras seleccionadas no I concurso de composición para bandas de música convocado pola Consellería de Vicepresidencia a través de GZCREA, coa banda sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares; a gravación dun CD de música galega, coa banda sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares; A nosa clave, concerto que se celebrará no Auditorio de Galicia en colaboración coa asociación cultural e musical Solfa e Corais de Compostela, con máis de duascentas persoas no escenario.


Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/