DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

Outros arquivos

Inclúese neste apartado a información básica doutros fondos documentais, tanto públicos como privados, organizados e descritos polo Servizo Técnico do Patrimonio Documental, en distintas actuacións, no seu labor de colaboración, asesoramento e cooperación na procura da conservación e difusión da documentación desta provincia.

Sen prexuízo dunha ampliación futura, poden atoparase na actualidade os instrumentos de descrición básicos para coñecer o fondo documental do Instituto de Pontevedra, da Cárcere do Partido Xudicial de Tui, da Mancomunidade do Salnés e do Baixo Miño, da Cámara Agraria Provincial e os restos conservados do que foron as Irmandades de labradores e gandeiros.

O arquivo do Instituto de Pontevedra, entidade educativa singular, foi organizado co gallo do seu cento cincuenta aniversario, actualizándose en varias ocasións.

Os sete arquivos das Irmandades de labradores e gandeiros son os únicos testemuños que se puideron encontrar, logo da centralización e destrucción masiva destes fondos a nivel provincial. O que aínda se conservaba por diversas causas organizouse, describiuse e depositouse no arquivo municipal correspondente, agás os casos de Ponte Sampaio, Pontevedra e Vilanova de Arousa, que se encontran na Cámara Agraria Provincial. Os fondos desta institución tamén foron debidamente organizados, descritos e instalados nas dependencias da mesma, na pontevedresa praza do Teucro.

Máis recentemente desenvolvéronse procesos técnicos sobre o fondo documental da Cárcere do Partido Xudicial de Tui, salvado da súa destrucción e conservado no arquivo municipal de Tui, e da Mancomunidade do Salnés, con documentación máis actual.

Tamén se ten colaborado na organización e descrición dos fondos documentais conservados no Pazo da Buzaca (Moraña) ou os relativos ás Salinas de Vilaboa, dixitalizándose logo estes fondos coa finalidade de facilitar a accesibilidade aos mesmos, ao tempo que a súa conservación.


Copyright © 2002-2017, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/