DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

Deputación actualiza o arquivo municipal da Lama



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patrimonio Documental e Bibliográfico

20 DECEMBRO 2016


O Servizo Técnico do Patrimonio Documental da Deputación acaba de rematar un proceso de actualización da documentación transferida nos últimos anos dende as propias oficinas xestoras ó arquivo municipal da Lama, con 141 novas unidades de instalación e quince metros lineais de documentación, correspondente ós últimos anos de xestión administrativa.

Esta última actuación completa un ciclo de asistencia permanente en materia de patrimonio documental ao concello da Lama, polo que se procedeu á clasificación, ordenación, descrición e instalación dos seus documentos.

Dende o primeiro proceso en 1986, leváronse a cabo un total de doce actualizacións, que foron incorporando a nova documentación producida e, ó mesmo tempo, profundizando na información ata chegar á informatización do inventario descritivo a nivel de expediente.

Na actualidade conta o arquivo cun total de 1.892 unidades de instalación, con documentación que ten como datas extremas os anos 1839 e 2016, e cunha base de datos formada por 17.968 rexistros que permite a localización de calquera agrupación documental.

A insuficiencia espacial da casa do concello motivou no seu día o traslado do arquivo a unha edificación próxima, que viñan ocupando ata ese momento as dependencias de Servizos Sociais. A resultas delo, dispónse agora o arquivo municipal na primeira planta da mesma, mantendo a distribución existente, con catro salas de diferentes tamaños, unidas por un amplo pasillo central. Nestas dependencias intaláronse, en estantería metálica, a totalidade dos fondos documentais, tanto do propio concello coma do xulgado de paz.



Copyright © 2002-2017, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/