DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

Unha axuda coa que debullar a realidade socioeconómica de Galicia desde o século XVI ata finais do XIX

Mergúllate no fondo Familia Malvar



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patrimonio Documental e Bibliográfico

01 MAIO 2020


Fondo privado, de orixe familiar, cunha ampla cronoloxía que abrangue desde 1512 ata 1877. Ocupa quince unidades de instalación con catrocentas dezaoito agrupacións documentais. Ofrece documentación relacionada cos antepasados da familia Malvar, liñaxe que se desenvolve ao redor do palacete de Salcedo, da súa propiedade, e as proximidades da cidade de Pontevedra. O dito palacete foi adquirido pola Deputación para instalar a Misión Biolóxica e, posteriormente, foi cedido ao Consello Superior de Investigacións Científicas.

Este fondo versa sobre esta destacada familia pontevedresa. Entre as súas ilustres figuras destacan o arcebispo Sebastián Malvar y Pinto ou o conde Julián Malvar.

A política matrimonial seguida polo territorio galego entre membros de distintas familias, que acaban formando parte da familia Malvar, e a propia evolución histórica farán que moitos fondos procedentes das catro provincias galegas recalen no seu propio arquivo familiar.

Así pois, este fondo, considerado pechado e depositado no Arquivo en 1997 por medio dunha transferencia extraordinaria, contén importante información de carácter xenealóxico e socioeconómico que se extrae a través da evolución familiar, reflectida, entre outros, nos documentos relativos a dotes, fundacións, testamentos, cobros de rendas, preitos, correspondencia, administración da propiedade, propiedades e casas da familia localizadas nas actuais catro provincias galegas: as casas de Vilerma e Eiroas, en Ourense, a de Touza, en Pontevedra, a de Toiriz, en Lugo, e as de Periscal, Noia e Xallas, na Coruña.

Está organizado ao redor das diferentes casas que o compoñen. A documentación foi dixitalizada na súa totalidade e podemos acceder a ela no propio Arquivo e, de xeito máis doado, a través de Atopo https://atopo.depo.gal/.

Toda a información sobre este fondo, á súa disposición no portal Atopo

Outro enlace de interese para información é a nosa web arquivos.depo.gal

Podemos atopar:

Dote, testamento e relación de bens relativos á casa de Eiroas (1512-1518)

Documentos da casa Touza, 1663

Fundación e dotación dunha misa do día do Nadal. Casa Touza, 1764

Información da xenealoxía de Juan Mariño Sotomayor y Moscoso



Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/