DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

Un sorbo de vida para meniñas e meniños

A Gota de Leite



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patrimonio Documental e Bibliográfico

14 MAIO 2020


Fondo de orixe pública que abrangue desde 1931 a 1938 e que ocupa dúas unidades de instalación con oito agrupacións documentais. A súa documentación procede da Gota de Leite, un organismo creado en agosto de 1931 con cargo ao orzamento da Deputación.

A Gota de Leite compartía instalacións coa Inclusa Provincial. O seu obxectivo era de carácter benéfico e sanitario, ofrecendo prestación médica e subministración de leite a nenas e nenos de idade inferior aos catorce meses. Tratábase de remediar os problemas de desnutrición e alta mortaldade infantil naquelas familias que non dispoñían de recursos para teren amas de cría e nas que as nais, por diversas razóns, non podían dar de mamar.

Aínda que estas institucións xurdiron a finais do século XIX en Francia, da man do médico León Dufour, que creou a primeira Gota en 1894, en Pontevedra o seu funcionamento comeza realmente no ano 1933 e dura apenas ata 1934, data na que se decide a súa supresión polo escaso resultado obtido. Vólvese abrir dous anos despois. En 1938 faise un convenio de cesión á Falanxe Española Tradicionalista, sección de Auxilio Social, para manter aberta a institución e proporcionarlles leite ás cativas e cativos ata os oito meses. Non durou moito, foi unha institución efémera.

O fondo ingresou no Arquivo mediante transferencia irregular e considérase pechado. Contén basicamente información sobre a posta en funcionamento da institución e cuestións de contabilidade. Pode resultar interesante para estudos sobre Pontevedra a nivel estatístico ou sanitario. A súa organización está composta de dúas series: os expedientes da Gota de Leite e a contabilidade da Gota de Leite.

A documentación está dixitalizada na súa totalidade e pódese acceder a ela no propio Arquivo ou a través do noso portal web arquivos.depo.es

Algúns exemplos do que se pode atopar:

Expediente do concurso para a instalación da Gota de Leite 1931-1932

Índice alfabético de nenas e nenos alimentados na Gota de Leite 1933-1934



Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/