DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

Coidando do patrimonio documental dos concellos e das entidades locais da nosa provincia

Fondo do Arquivo Provincial da Deputación de Pontevedra



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patrimonio Documental e Bibliográfico

13 XUÑO 2020


Baixo as directrices da Pepa, Constitución española de 1812, as Cortes, o 13 de maio dese mesmo ano, publicaron un decreto para a formación das deputacións provinciais en España.

A intención política destas, ao promover as deputacións, radicaba en crear un órgano representativo de toda Galicia que prestase atención aos concellos en vías de desenvolvemento e creación e que, á súa vez, non estivese controlado pola Xunta Superior, polo capitán xeral nin pola Real Audiencia.

A deputación sería o único poder intermedio entre Galicia e o poder central. Santiago foi a sede da deputación galega.

Así pois, o 19 de marzo de 1813 creábase a primeira deputación, que estaba formada por un presidente ou xefe político, un vicepresidente ou intendente, sete representantes das sete provincias, un secretario e un vicesecretario.

O primeiro presidente foi o marqués de Campo Sagrado e a vicepresidencia ocupouna José Ansa, intendente xeral do Reino.

Tras o Decreto das Cortes do 27 de xaneiro de 1822 deuse unha nova división provincial que repartiu Galicia nas catro provincias actuais, con pequenas variacións, asignándose a capitalidade da provincia actual de Pontevedra a Vigo, onde se constituiría a deputación provincial o 24 de maio de 1822. Esta chegou a funcionar algo máis dun ano, pero coa restitución do rei Fernando VII todo isto quedou suprimido.

Once anos máis tarde, co Decreto do 30 de novembro de 1833, inspirado por Javier de Burgos, iniciouse o proceso definitivo que culminaría coa restitución das catro provincias galegas que existen actualmente e a constitución das deputacións que perduran nos nosos días. Foi o 12 de febreiro de 1836 cando se constituíu definitivamente a de Pontevedra.

Dende o ano 1836 ata hoxe, a deputación veu desempeñando con total continuidade un amplo abano de funcións e actividades, que foron variando de acordo coa lexislación aplicable en cada momento. Inicialmente, a referida Constitución de Cádiz asignoulle as funcións de aprobar a repartición das contribucións das vilas da provincia, velar polo axeitado investimento dos fondos públicos, coidar o establecemento dos concellos, propoñerlle arbitrios ao Goberno, promover a educación, a agricultura e a industria, formar o censo e a estatística provincial, coidar dos centros benéficos e dar conta das infraccións que xurdisen na provincia.

A lexislación actual asígnalle as competencias propias de coordinar os servizos municipais entre si para garantir a súa prestación axeitada; ofrecerlles asistencia xurídica, económica e técnica aos concellos; a prestación de servizos públicos de carácter supramunicipal; e, en xeral, o fomento dos intereses particulares da provincia.

Esta acumulación de xeneralidades e funcións que se lle atribúen en toda a lexislación local provocou unha serie de actuacións moi diversificadas, das que quedaron moitas pegadas e interesantes testemuños documentais. Un espello disto vémolo no cadro de clasificación do fondo documental desta institución.

O órgano unipersoal que dirixe a deputación foi inicialmente o xefe político, antecedente directo do gobernador civil, e o primeiro presidente desta institución foi Miguel del Pino. Aínda que en 1863 se estableceu que a corporación elixiría entre os seus membros un presidente para cada sesión, logo, no sexenio revolucionario, volveu a figura do gobernador civil-presidente de facto. Coa lei de 1870 estableceríase a figura do presidente para un período de sesión. Deuse así unha situación caótica, case de solapamento das figuras de presidente e gobernador civil. Xa a partir do ano 1950 apareceu a figura do presidente da deputación como órgano diferenciado e independente do gobernador civil, que, así e todo, permanecería como presidente nato da institución ata 1978. No período democrático a presidenta ou presidente é un órgano elixido de forma indirecta entre e polas deputadas e deputados provinciais.

Botando unha ollada ao Arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra, cómpre dicir que nos seus inicios instalouse provisionalmente nun local arrendado na rúa da Costa, na cidade vella de Pontevedra. Tempo despois trasladouse ao convento de San Francisco, onde permaneceu ata 1890, ano no que a Deputación e o Arquivo estrean a súa nova sede, no actual Pazo provincial.

Aínda que a Deputación sempre dispuxo de persoal responsabilizado do seu Arquivo, permitiuse, quizais por problemas de espazo, que se iniciase unha disgregación dos seus fondos pasando parte da sección de Goberno Civil ao Arquivo Histórico Provincial do Estado e outra ao Museo Provincial, aínda que a maior parte dos fondos do Arquivo permanecerían no Pazo provincial.

Pódese falar do Arquivo da Deputación como tal a partir da Real orde do 24 de outubro de 1845, pola que se creou o Arquivo, que acollería os documentos da Deputación Provincial, a Xunta Provincial e o Goberno Civil. Para a custodia da documentación foi nomeado un oficial.

No ano 1852 produciuse o primeiro nomeamento de arquiveiro, que recaeu en Pablo Chocano, decretado pola Real orde do 21 de outubro de 1852. Este conseguiu levar adiante dúas reformas no mesmo ano.

Foi cesado en 1854 e sucedeulle Lamberto Lucero, igualmente destituído aos dous meses. Despois, sucesivamente e durante boa parte da segunda metade do século XIX, déronse toda unha serie de nomeamentos e ceses de arquiveiros.

Ao estar o Arquivo e a Deputación nas novas dependencias do Pazo provincial construído para tal efecto, levaron tanto a documentación propia da Deputación coma a do Goberno Civil. O Arquivo quedaría instalado na planta baixa do novo edificio.

Coñécese a existencia do arquiveiro profesional Fernández Villamil, quen compartiu os seus traballos na Deputación co Arquivo Histórico Provincial do Estado, a Biblioteca Pública, ademais de contar cunha cátedra no Instituto de Pontevedra ata 1955. Con Fernández Villamil produciuse unha boa parte da dispersión documental e bibliográfica, anteriormente referida, depositándose fondos no Arquivo Histórico Provincial, así como a meirande parte dos volumes da biblioteca e boletíns oficiais na Biblioteca Pública.

Ademais, por se fose pouco, posteriormente foi a Deputación, sen ningún profesional á fronte, e por falta de espazo, segundo se alegou, a que decidiu depositar no Museo de Pontevedra unha nutrida parte da documentación de maior antigüidade. Neste lugar sufriu unha espoliación de improntas e selados e a conseguinte desorganización dos seus atados, cunha expurgación indiscriminada de documentos, o cal provocou que o volume documental desde finais do século XIX ata mediados do XX quedase absolutamente minguado.

A partir de 1977 abriuse unha nova etapa máis esperanzadora para o noso Arquivo. A praza de arquiveiro cubriuse por Miguel Pereira Figueroa iniciándose unha recomposición do Arquivo. Reforzáronse as instalacións do Pazo provincial na planta alta, recuperando documentación depositada no Museo e abríndose novas instalacións no convento de xesuítas xunto con algúns locais máis. Impulsouse e séguese impulsando o traballo de instrumentos descritivos, ampliouse considerablemente o cadro de persoal, melloráronse as instalacións e ampliáronse e séguense ampliando os fondos con novos ingresos mediante depósitos e compras.

No ano 2008 levouse a cabo a reforma integral do edificio da rúa Padre Amoedo a cargo do arquitecto Pérez-Ardá Criado. Deste xeito dotouse o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico dunhas instalacións modernas e amplas, adecuadas para o desenvolvemento das actuacións e servizos que se veñen prestando. Trátase dun edificio transparente e diáfano, que se abre á cidade irradiando e potenciando a difusión cultural e invitando, para o seu coñecemento, as persoas usuarias, investigadoras e a cidadanía en xeral.

En definitiva, o Arquivo da Deputación achégalle ao público o conxunto orgánico de documentos de calquera época e soporte material, producidos, reunidos ou conservados no exercicio das súas funcións pola Deputación ao longo da súa historia, para a súa utilización na xestión administrativa, a información cidadá, a proxección cultural e a investigación científica.

Ademais de ser un ben público, ao cumprir o mandato constitucional de facerlles accesibles os documentos ás cidadás e cidadáns segundo se establece no artigo 105.b) da Constitución, supón tamén un ben de dominio da esfera pública en función do establecido no Regulamento de bens de entidades locais (R. d. 1372/1986, do 13 de xuño), xa que conserva e custodia o patrimonio documental da Deputación.

A súa principal función é a sistematización da xestión documental, desde a creación do documento ata a súa conservación histórica, mediante o tratamento arquivístico axeitado para servirlles os documentos á propia institución e á cidadanía.

De acordo coa lexislación vixente o Arquivo da Deputación de Pontevedra intégrase no Sistema de Arquivos de Galicia, formando parte da rede de arquivos das deputacións provinciais.

O fondo propio do Arquivo da Deputación abrangue un marco cronolóxico que vai desde 1708 ata o momento actual, superando o seu volume as 44.000 unidades de instalación, con máis de douscentos mil expedientes ou agrupacións documentais.

O conxunto documental organizouse seguindo un criterio de clasificación orgánico funcional. O cadro de clasificación está configurado arredor de catro seccións, referidas, sucesivamente, á xestión dos órganos de goberno colexiados e unipersoais, ao funcionamento administrativo, á xestión de servizos e, por último, ao control e xestión orzamentaria. Cada unha destas seccións subdivídese en subseccións, e estas en series e subseries, atendendo á variedade da tipoloxía documental e ás series existentes.

A riqueza e variedade da información que nos achega este fondo avalan a idoneidade desta documentación para facer diversos estudos e investigacións.

Cómpre resaltar, entre outros, na sección de Goberno, os documentos que reflicten a creación e modificación dos diferentes concellos que integran a provincia, así como os libros de actas dos órganos colexiados, que recollen unha fecunda información e que se conservan integramente, mantendo a secuencia cronolóxica desde o período de sesións inicial (a propia acta de constitución da Deputación do 12 de febreiro de 1836), e as resolucións presidenciais, que son o resultado da capacidade normativa e resolutoria deste órgano unipersoal.

Por outra banda, hai algunha documentación anterior á creación da Deputación por considerarse antecedente directo e ter a continuidade oportuna na mesma serie en épocas posteriores. Destacan especialmente as seguintes series: os expedientes de visitas ás devesas reais e plantíos desde 1750, os expedientes de beneficencia desde 1786 e os expedientes de contadoría de propios e arbitrios desde 1759 a 1856, referida ao control económico dos coutos, xurisdicións e concellos.

O acceso é libre coas restricións impostas pola lexislación estatal e autonómica, é dicir, agás os documentos que conteñan datos persoais ou que afecten á intimidade das persoas.

Máis información sobre este fondo a través do noso portal Atopo e na páxina web arquivos.depo.es


Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/