DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

O saber non ocupa lugar. Un capítulo sobre a Segunda Ensinanza en Pontevedra

Fondo documental Instituto de Pontevedra



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patrimonio Documental e Bibliográfico

16 XUÑO 2020


Este fondo, que acolle documentación desde 1845, procede do Instituto de Segunda Ensinanza de Pontevedra.

Trátase dunha colección documental que se conserva no Instituto Sánchez Cantón, que ocupa, ata o ano 2004, mil catrocentas tres unidades de instalación e catro mil seiscentos expedientes ou agrupacións documentais. De carácter eminentemente académico e educativo, foi obxecto dun proceso de organización por parte do persoal técnico do Servizo de Patrimonio Documental da Deputación. A tarefa organizativa foi levada a cabo no ano 1995, con sucesivas actuacións de reincorporación de documentos e informatización de datos nos anos 1997, 1998 e 2004.

Facendo un percorrido histórico pola traxectoria do citado instituto, nos anos anteriores á instalación deste centro de Segunda Ensinanza en Pontevedra o labor educativo exercíase a través dunha fundación a cargo do presbítero Miguel Barros. Esta fundación estaba instalada para as súas ensinanzas no exconvento de xesuítas desde 1830, do cal tamén era o seu administrador.

A súa actividade mantívose polo menos ata 1842, ano no que está documentada a instalación doutro colexio na rúa da Palma, rexido por José María Billar, no que se impartían ensinanzas de Primeiras Letras, clases de Latinidade, Debuxo e Lingua Francesa, e estaba prevista a súa ampliación ás Matemáticas e Filosofía, entre outras.

Non obstante, o antecedente máis inmediato do instituto sería o Colexio Oficial de Humanidades, dependente da Universidade Literaria de Santiago, que iniciaría a súa actividade docente en 1843, instalado no mesmo convento da Compañía de Xesús, pasando en 1844, provisionalmente, a un edificio na rúa Peregrina.

Naquel tempo o Concello solicitou a creación do Instituto de Pontevedra. Esta proposta levaba aparellado o sostemento do centro entre a cidadanía e as rendas das fundacións e obras pías que daquela administraba o Concello, xunto cos ingresos derivados dos exames e matrículas.

A solicitude foi concedida por Real decreto do 30 de outubro de 1845. En novembro dese mesmo ano tivo lugar a inauguración do curso e o instituto quedou instalado no convento de xesuítas. Contaba inicialmente coas cátedras de Historia, Xeografía, Matemáticas, Historia Natural, Física e Química, e Debuxo. A Deputación Provincial sería a encargada de asumir a meirande parte do custo de funcionamento deste centro educativo, mellorando progresivamente as súas instalacións e medios pedagóxicos.

Xunto co Instituto de Segunda Ensinanza existía a Escola de Instrución Primaria e a Escola Normal, integrada esta última pola Escola Práctica e a Escola de Mestres. Contaba nese momento o instituto coas cátedras de Moral e Relixión, Lóxica, Lingua Francesa, Xeografía, Historia, Historia Natural, Física e Química, Matemáticas Elementais, Poética, Retórica, Gramática Latina e Castelán.

Daquela chegaron a cursar estudos ata cen alumnos, que pagaban unha matrícula de cento sesenta reais cada un.

En 1867 créase no instituto un centro de internado, financiado pola Deputación Provincial, que perduraría ata 1882, data na que desaparece por problemas de espazo.

Posteriormente, en 1878, xorde unha escola de comercio e outra de náutica, anexas ao instituto, así como un xardín de aclimatación para experimentacións agrícolas. En 1880 instálanse unha estación e un observatorio meteorolóxico, de grande interese e aproveitamento para o alumnado e profesorado.

Debido ao gran volume de alumnado facíase necesario contar cun edificio de seu, cuestión que se resolveu cunha edificación na avenida Montero Ríos, localización que na actualidade ocupa o Instituto Valle Inclán. Con varios anos de retraso nas obras, inaugurouse por fin o novo instituto Sánchez Cantón en 1929.

A partir do ano 1930 o Sánchez será a sede definitiva desta institución pedagóxica ata a máis recente proliferación de centros. Nel consérvase documentación de interese coma libros de actas de exame, expedientes do alumnado…, xunto cunha notable colección de obxectos e materiais do antigo instituto e gran cantidade de memorias e publicacións do século XX, algunhas pendentes de clasificar.

O cadro de clasificación é basicamente funcional. Conta con cinco seccións que recollen as distintas series documentais derivadas das actuacións dos órganos de goberno, da propia administración do instituto, da actividade docente, das actividades complementarias ás educativas e, finalmente, a relacionada coa Escola de Artes e Oficios, moi escasa e que ocupa soamente unha unidade de instalación.

Sen dúbida, un fondo quizais descoñecido pero que semella interesante para estudos estatísticos no eido da ensinanza, social, cultural e mesmo económico, que poden ser tamén extrapolables a outros ámbitos de investigación. E, como non, achega unha ampla visión do funcionamento e características da Segunda Ensinanza en Pontevedra.

Máis información sobre este fondo a través do noso portal Atopo e na páxina web http://arquivos.depo.es/?1,2953


Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/