DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

Os cargos electos dos concellos da provincia entenden que as funcións máis importantes que realiza a Deputación son o apoio económico e municipal e as infraestructuras de comunicación

O Plan Estratéxico encargado pola Deputación desenvolveu unha enquisa entre os alcaldes e os líderes da oposición dos municipios de Pontevedra



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Plan Estratéxico Provincial 2010

05 ABRIL 2005


A Deputación de Pontevedra vén de presentar os resultados dunha enquisa que se realizou a alcaldes e líderes dos distintos grupos políticos que conforman as corporacións municipais dos 62 concellos da provincia. Este inquérito realizouse ó abeiro do Plan Estratéxico Provincial impulsado pola institución provincial e que está a redactar a Escuela para las Administraciones Públicas de Caixanova.

Segundo recolle este traballo, os principais proxectos que deben marcar a estratexia da provincia nos vindeiros cinco anos correspóndense co desenvolvemento social e cultural, o desenvolvemento económico local, as infraestructuras de comunicación e a xestión turística. As principais diferencias entre alcaldes e oposición obsérvanse en aspectos como o desenvolvemento e as políticas de litoral, citado como oportunidade por mais do 17 por cento da oposición fronte o 7 por cento dos alcaldes; e a xestión pública e política, mencionada por case o 11 por cento da oposición e só o 1,7 por cento dos alcaldes.

Asemade, estes cargos electos dos municipios da provincia entenden que as funcións máis importantes que desenvolve a institución provincial céntranse no apoio económico, nas infraestructuras de comunicación provinciais e nas obras públicas de carácter provincial, na coordinación e apoio dos servizos municipais e na asistencia xurídica e técnica ós concellos máis pequenos. Neste caso, a oposición dálle moita importancia á función da Deputación como correctora de desequilibrios territoriais e apoio ó rural –nun 22 por cento-.

Polo que respecta á avaliación dos servizos que a Deputación de Pontevedra debe prestarlles ós concellos e ós seus veciños, nunha cuantificación de 0 a 5 ( 0 como mínima e 5 como máxima), tanto alcaldes como voceiros das distintas forzas das oposicións municipais cualifican cos maiores niveis de importancia a facilidade de comunicación Concello-Deputación e a capacidade orzamentaria, seguidas da rapidez de resposta nas solicitudes, a estratexia e a definición de funcións e o coñecemento dos

problemas do municipio. Así, a oposición concédelle especial importancia á definición da estratexia da institución provincial e os alcaldes consideran máis importantes eidos como a facilidade de comunicación administrativa e a capacidade orzamentaria.

Asemade, no que se refire á valoración da actuación da institución provincial, as enquisas realizadas a alcaldes e edís da oposición arroxan que as áreas de turismo, obras publicas e cooperación municipal son as que mellores cuantificacións reciben como promedio. Se ben as valoracións de alcaldes e oposición son paralelas, en todos os casos o grao de satisfacción dos responsables das segundas e terceiras forzas políticas dos municipios é menor.

As fortalezas e as debilidades que pode presentar a Deputación foron outra das preguntas que se lles trasladou ós cargos públicos que responderon esta enquisa. Destaca como punto forte da institución a súa eficacia na xestión, accesibilidade, proximidade e algúns dos seus departamentos –Intervención, Tesourería- sobre todo dende o punto de vista dos alcaldes. O seguinte punto forte é Cultura e Deportes e non existen grandes diferencias nas percepcións de alcaldes e oposición.

Polo que respecta ós puntos débiles, a metade da oposición enquisada considera que a falta de criterios, o funcionamento de determinados departamentos ou as prácticas de clientelismo e amiguismo poderían constituír a principal debilidade da Deputación. Este aspecto é considerado tamén un freo por en torno á terceira parte dos alcaldes. Outros aspectos salientados como posibles debilidades son a falta de planificación e o control político.


AVALIACIÓN DOS CONCELLOS

Ademais de abordar a xestión da Deputación de Pontevedra e da provincia, os cargos electos que participaron nesta enquisa foron requiridos sobre os principais proxectos que deben marcar a estratexia do concello nos vindeiros cinco anos, onde o saneamento e o abastecemento, o solo industrial, os equipamentos as infraestructuras de comunicación e a planificación e xestión urbanística foron os aspectos máis citados.

Do mesmo xeito, este traballo de campo para a redacción do Plan Estratéxico da Provincia de Pontevedra indica que as principais

oportunidades que deben aproveitar os concellos no vindeiros lustro correspóndense coa xestión turística, as características físicas e sociais do territorio, a xestión supramunicipal e o desenvolvemento económico local.

Tamén apuntan os cargos políticos dos 62 concellos da provincia os principais freos que poden pór en perigo a situación do seu concello nos vindeiros cinco anos: xestión pública e política, financiamento, características físicas e sociais do territorio e planificación e xestión urbanística. Ademais, esta enquisa deixa ver que as áreas de prioridade nas que debe centrarse a xestión municipal correspóndense co urbanismo e as obras públicas, o medio ambiente, a promoción económica, empresarial e comercial, o emprego, a educación e a cultura

Outro dos aspectos que abordou a enquisa referiuse ás áreas da xestión municipal nas que debe aumentar a competencia dos concellos que, neste caso e segundo as percepcións de alcaldes e líderes da oposición municipal céntranse en urbanismo e obras públicas, servizos sociais, promoción económica empresarial e comercial e emprego. Esta aspecto complétase cos servizos municipais que deben ser prestados de forma conxunta que, neste inquérito realizado para a elaboración do Plan Estratéxico Provincial correspóndense con medio ambiente, seguridade, tráfico e transporte e turismo.


METODOLOXÍA

Esta enquisa foi respondida por todos os alcaldes e por todos os edís da primeira forza da oposición –tamén algún voceiro do segundo partido na oposición- dos 62 municipios da provincia de Pontevedra, sendo un 48 por cento da mostra líderes da oposición e un 52 por cento de alcaldes.

O 49 por cento dos enquisados pertencen ó PP, o 29 por cento son líderes do PSOE e o 22 por cento restante son cargos públicos do BNG. Asemade, o 27 por cento deste cargos municipais foron algunha vez deputados provinciais e o 73 por cento restante non tivo nunca acta de deputado na Corporación Provincial. Finalmente, polo que se refire á distribución dos inquéritos segundo o tipo de municipio, o 7,5 por cento é relativo a municipios urbanos, o 11,5 por cento é de municipios costeiros, o 13,5 de municipios rururbanos e o 53 por cento de municipios rurais.


Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/