DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

O oitenta por cento dos cidadáns enquisados para a elaboración do Plan Estratéxico consideran necesaria a existencia da Deputación



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Plan Estratéxico Provincial 2010

05 ABRIL 2005


O 80 por cento dos cidadáns enquisados para a elaboración do Plan Estratéxico Provincial impulsado pola Deputación de Pontevedra consideran necesaria a existencia da institución provincial. Asemade, o organismo provincial constitúe a segunda entidade en grao de coñecemento por parte dos cidadáns despois do seu concello e seguido das autoridades portuarias, Consorcio Zona Franca, Turismo Rías Baixas, confederacións de empresarios, mancomunidades e fundacións para o Desenvolvemento comarcal. De todos os xeitos, o grao de coñecemento que os enquisados teñen sobre as institucións revélase moi baixo.

Segundo recolle este inquérito, os cidadáns da provincia entenden que a principal función que desenvolve a Deputación correspóndese coas actuacións en estradas e obras públicas, seguidas do apoio á xestión municipal, actividades culturais e educativas e Servizos Socais, Muller e Xuventude.

Polo que se refire ós departamentos da Deputación máis coñecidos polos veciños da provincia de Pontevedra consultados na enquisa, as respostas foron maioritariamente para Servizo Central; Cultura, Xuventude e Deportes; Contratación, Facenda e Patrimonio; Arquitectura e Urbanismo, Presidencia; Vías e Obras e Gabinete da Presidencia.

De todos os xeitos, o grao de coñecemento da Deputación por parte dos cidadáns é baixo: cerca do 10 por cento dos enquisados estivo algunha vez no Pazo Provincial, case o 20 por cento coñece o nome ou departamento da institución provincial ou o nome do presidente e máis do 10 por cento coñece algún evento ou acto promovido pola Deputación, entre os que se destacan as festas, a programación musical, o deporte e a cultura. Aínda así, o grao de satisfacción dos cidadáns que participaron na enquisa cos servizos que coñecen é medio-alto (case un sete sobre dez).

Por outra banda, os cidadáns que participaron no inquérito opinan que a institución provincial debería centrar a súa actuación en estradas e obras públicas, promoción económica, empresarial e de emprego, servizos sociais, muller e xuventude; ademais de parroquias e rural. Pola contra, ningunha das persoas requiridas entende que debese recadar impostos.


METODOLOXÍA

O equipo redactor do Plan Estratéxico, da Escuela para las Administraciones Públicas de Caixanova realizou enquisas telefónicas en fogares de 1.649 cidadáns da provincia de Pontevedra maiores de 18 anos. O 75 por cento dos enquisados teñen idades comprendidas entre os 25 e os 65 anos, máis do 60 por cento son mulleres e case o 70 por cento conta con estudos primarios ou primarios incompletos.

Os inquéritos fóronlle trasladados a 330 veciños dos municipios urbanos (Marín, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía), outros 330 cidadáns de concellos de costa-turismo (Baiona, Cambados, Cangas, o Grove, A Guarda, Nigrán, Poio e Sanxenxo), 329 persoas de concellos costeiros (Bueu, Moaña, Oia, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Vilanova e Illa de Arousa), 330 veciños de territorios rururbanos (Caldas, A Estrada, Gondomar, Lalín, Mos, Porriño, Ponteareas e Tui) e 330 persoas de concellos do rural (Arbo, Barro, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo, Cotobade, o Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos, Agolada, A Lama, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Pazos, Portas, Ponte Caldelas, Pontecesures, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra, Silleda, Tomiño, Valga e Vila de Cruces).


Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/