DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

ARQUIVOS DAS ENTIDADES LOCAIS MENORES

As Entidades Locais Menores aparecen legalmente consideradas como entidades locais de ámbito territorial inferior ó do concello, con personalidade xurídica propia e facultades para a xestión dos seus bens e servicios. As competencias que se lles asignan pasan pola administración e conservación do seu patrimonio e maila execución de obras e servicios do seu interese.

Esta cualidade recoñecéuselles por primeira vez a raíz da aprobación do Estatuto Municipal do ano 1924, definíndoas como un núcleo separado de edificacións, formado por un conxunto de persoas e bens, con dereitos e intereses peculiares e colectivos diferenciados dos xerais do municipio.

Neste momento hai en Galicia nove Entidades Locais Menores; unha na provincia de Ourense, a de Verán (Concello de Leiro), e as outras oito na provincia de Pontevedra: Arcos da Condesa (Caldas de Reis), Bembrive (Vigo), Camposancos (A Guarda), Chenlo (Porriño), Morgadáns (Gondomar), Pazos de Reis (Tui), Queimadelos e Vilasobroso (Mondariz).

Para poder acometer os procesos técnicos encamiñados á organización dos fondos documentais elaborouse, previo acercamento á súa realidade documental, un cadro de clasificación baseado na simplificación e na flexibilidade, a fin de poder adaptalo a cada caso concreto. Tomando como base o esquema do cadro de clasificación en uso nos arquivos municipais estimouse oportuno proceder a unificar nunha única sección a documentación derivada da propia administración e a de prestar determinados servicios, atendendo ó escaso volume que estes representaban no total da documentación.

O fondo documental na totalidade das Entidades é bastante reducido e na súa maior parte refírese á xestión e control presupostario. En tódolos casos constatouse un aceptable nivel de conservación e unha certa variación na profusión e calidade do funcionamento administrativo.



Copyright © 2002-2017, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/