[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
DOMINGO, 25 DE XUÑO DE 2017 Páxina de inicio Mapa de contidos Directorio de contacto Directorio telefónico Axudas á navegación
   Está en » depontevedra.es » ..... » ..... » Patrimonio Documental Provincial » Servizos » Outros arquivos de organismos públicos » Irmandades de Labradores
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Patrimonio Documental Provincial
Outros arquivos de organismos públicos
Irmandades de Labradores
Dozón
Mondariz-Balneario
Ponte Sampaio
Pontevedra
Rodeiro
Tomiño
Vilanova de Arousa
Outros arquivos privados

IRMANDADES DE LABRADORES 

Irmandades sindicais de labradores e gandeiros
Hermandades sindicales de labradores y ganaderos


O Servicio Técnico de Patrimonio Documental, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra, acaba de desenvolver unha serie de actuacións tendentes a recuperar, dentro do posible, o que xa parece unha perda irreparable dunha parte do patrimonio documental provincial, de especial interese para coñecermos o devir do agro desta provincia no século XX, representado nunha das institucións máis significadas da realidade máis próxima ós cidadáns.

As irmandades sindicais de labradores e gandeiros e as cámaras agrarias créanse para a representación e disciplina dos intereses económico-sociais do agro no termo da súa xurisdicción a partir da Lei de bases de organización sindical de 6 de decembro 1940 e do Decreto de unidade sindical de 1944.

As funcións encomendadas alcanzan as ordes social, económica, asistencial, comunal e asesora e colaboradora do Estado. Cada unha destas implica un innumerable conxunto de posibles actuacións específicas que se desenvolverán de modo distinto dependendo da vitalidade de cada caso.

Parten dunha estructura organizativa común, con órganos diferentes coma a asemblea ou o cabido, as xuntas directivas de posibles organismos incorporados á irmandade, o secretario contador, o prohome, o tribunal xurado das distintas seccións.

En todas as irmandades son inicialmente obrigatorios, aínda que non sempre operativos, os servicios de colocación obreira, estatística, xestión ambiental, explotación económica e subministros e policía rural.

Ademais poden integrar ou incorporar unha serie de organismos ou entidades para a xestión de servicios e desenvolvemento de actividades de interese para os seu membros, tales como cooperativas do campo, sindicatos de policía rural, xuntas locais agrícolas, grupos de colonización, comunidades de montes ou de regantes, etc.

A xestión patrimonial e orzamentaria, coa recadación de ingresos e o control de gastos, así como, de xeito especial, a corresponsalía local de previsión social agraria e todo o que isto conleva respecto ós seguros e pensións agrarias, xeraron un conxunto documental de interese especialmente local.

A conservación deste patrimonio documental pertencíalle en principio á administración propietaria, neste caso a Consellería de Agricultura, coa mesma intención, cando menos, que as propias instalacións e o mobiliario, pero despois da supresión das cámaras agrarias locais e a súa posterior centralización operativa nun baixo baleiro en Ponte Caldelas derivou na total destrucción dos fondos das irmandades de labradores e das propias cámaras locais.

A perda deste patrimonio documental, fonte básica para coñecermos a realidade rural durante o período franquista, ten especial gravidade toda vez que estaba a ser valorada por investigadores da Universidade de Santiago, que xa iniciaran o seu estudio a pesar das lamentables condicións de instalación e depósito nas que se atopaba.

Coñecedores da existencia dalgún caso no que este traslado, por causas diversas, non se producira o que, paradoxicamente, evitou a súa desaparición, o Servicio Técnico do Patrimonio Documental procedeu á localización, limpeza, traslado oportuno, organización e descrición dos fondos documentais correspondentes a cinco pequenas irmandades que funcionaran na provincia de Pontevedra: Mondariz-Balneario, Rodeiro, Dozón, Tomiño e Pontesampaio.

En todo o desenvolvemento de busca e nos procesos técnicos a realizar sobre estes fondos contouse co encomiable labor de José Ramón López Fernández, que participou xunto co persoal do Servicio Técnico do Patrimonio Documental na elaboración dun cadro de clasificación ad hoc, a partir de catro grandes seccións que recollen respectivamente as actuacións dos órganos de goberno, do funcionamento administrativo das propias entidades, do conxunto de moi diferentes servicios que poden prestar e do control económico e orzamentario.

Posteriormente, no proceso de organización do arquivo da Cámara Agraria Provincial, aparaceron fondos documentais propios das Irmandades de Pontevedra e de Vilanova de Arousa, que de organizaron de maneira independente.

Estas sete irmandades conservan toda ou parte da documentación xerada na súa xestión. A procura doutras foi infructuosa comprobándose na maior parte dos casos o seu traslado documental e incluso de mobiliario a Pontevedra, para a súa posterior centralización en Ponte Caldelas.

As irmandades de Tomiño, Rodeiro, Dozón e Mondariz-Balneario instaláronse nos respectivos arquivos municipais, instalacións dignas e adecuadas, sempre en calidade de fondo independente. O local da Cámara Agraria Provincial, onde xa se atopaban, foi o destino final dos fondos documentais das Irmandades de Ponte Sampaio, de Pontevedra e de Vilanova de Arousa.

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 30/06/2005 10:45
Copyright © 2002-2017, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/