O PREDIO FORESTAL (cont.)
A pedra e a auga xunto ás plantas outorgan ó predio esa fermosura dos xardíns dos pazos galegos. Entre o mobiliario os bancos e unha mesa de peza granítica, os hórreos, o pombal, o invernadoiro de cristal con estructura férrea. A elegancia do mármore branco transfórmase e dá forma ás estatuas, alzándose esveltas na entrada e ocultas entre a vexetación. Achegándose a calquera das fontes: a da Cuncha, a dos Tres Canos, a do Patio, a da Gruta dos Espellos, escóitase o manar da auga formando parte do ciclo da vida.
Coma se dunha cidade se tratase en Lourizán paséase polas súas avenidas, a das Camelias, a dos Eucaliptos, a da Gruta dos Espellos, no verán á sombra das súas ramaxes, no inverno polos camiños alfombrados de follas caídas. Cores ocres, verdes e vermellos, amarelos mesturados, xeometrías, xardíns planificados, plantacións na natureza improvisada compoñen unha paisaxe case oculta, inadvertida para quen viaxa pola estrada de Pontevedra a Marín, de Marín a Pontevedra.
O visitante que desexe percorrer este museo forestal poderá facelo de luns a venres en horario de mañá, de 8,00 a 15,00 horas, coa posibilidade de entrar en Lourizán en coche, polas tardes, sábados e domingos o acceso ó pazo terá que facelo andando, detendo o seu vehículo diante dos enreixados do pazo.
Fotografía: Anxo Rial / ArteXphoto
|
|
|
|