Regulamento (cont.)
Órganos de goberno
Artigo 6.- O CPAM rexerase por un Consello de Administración composto por:
- O presidente, que será o da Deputación Provincial
- O vicepresidente 1º.
- Ata un máximo de nove vogais, deputados provinciais, un dos cales ocupará a vicepresidencia.
Estarán adscritos ó Consello de Administración, con voz pero sen voto:
- Tres alcaldes de concellos da provincia
- O secretario da Deputación Provincial
- O interventor da Deputación Provincial
- O director-xerente do centro.
O secretario actuará, igualmente, como secretario do Consello de Administración.
Artigo 7.- Os deputados membros do Consello de Administración nomearaos o Pleno da Corporación, a proposta dos grupos políticos que a formen e a razón dun por cada tres deputados dos que pertenzan a este.
O presidente designará de entre eles o que ha de ocupar a vicepresidencia.
Os alcaldes elixiranse eles mesmos, un de entre os titulares dos concellos con menos de 5.000 habitantes, outro entre os de 5.000 a 10.000 habitantes e outro de entre os de máis de 10.000 habitantes.
Os mandatos renovaranse ó cambiar as corporacións locais, con ocasión das eleccións municipais e provinciais.
Artigo 8.- Os membros do Consello de Administración poderán percibir asistencias ás sesións do Consello, cun máximo de once (11) ó ano, da contía que para cada exercicio fixe a Corporación provincial, así como os gastos de desprazamento, os que teñan a súa residencia fóra do termo municipal de Pontevedra e se vexan obrigados a faceren a viaxe ex profeso para acudiren á sesión.
As compensacións por asistencia serán compatibles con calquera outra indemnización que os interesados perciban do orzamento provincial.
Artigo 9.-
- O Consello de Administración reunirase en sesión ordinaria polo menos unha vez por trimestre, podendo facelo con carácter extraordinario cando o decida o presidente ou o solicite a maioría dos seus vogais.
- As convocatorias efectuaranse con 72 horas de antelación, debendo achegarlles a estas a correspondente orde do día, poñendo a disposición dos membros do Consello a documentación dos asuntos que se van tratar. En casos de urxencia poderá convocarse o Consello de Administración por calquera dos medios que o presidente estime máis oportuno, pero sempre cun prazo mínimo de 24 horas.
- Para a existencia de quorum nos acordos adoptados polo Consello de Administración, esixirase en primeira convocatoria a asistencia da metade máis un dos seus vogais. En segunda convocatoria bastará a asistencia dun tercio destes. A reunión do Consello en segunda convocatoria poderá ter lugar unha hora despois da hora fixada para a primeira.
En todos os casos será necesario, para que teña lugar, a asistencia do presidente ou do vicepresidente do Consello e do seu secretario ou de quen legalmente o substitúa.
- As decisións adoptaranse por maioría simple dos membros presentes, decidindo en caso de empate o voto do presidente. Queda expresamente prohibida a delegación de voto.
Os acordos deberán recaer sobre os puntos comprendidos na orde do día, salvo que, previa declaración de urxencia e co voto favorable da maioría dos membros, se inclúan outros puntos.
Artigo 10.- O Consello de Administración ten as seguintes atribucións:
- Administrar e gobernar o centro.
- Aprobar o proxecto do orzamento anual de ingresos e gastos polo que se rexerá o centro, someténdoo á aprobación do Pleno da Deputación.
- Aprobar inicialmente as contas anuais do centro e a súa remisión á Deputación para a súa aprobación definitiva.
- Proposta de aprobación do cadro de persoal adscrito ó centro, relación e descrición dos postos de traballo, contía das retribucións complementarias, sometendo todo isto ó Pleno da Corporación.
- Aprobar as bases de contratos con profesionais e adscrición de colaboradores.
- Aprobar o plan anual de actividades do centro.
- Dictar as normas de réxime interior do centro, así como as que sexan precisas para executar as disposicións do presente regulamento.
- Propoñerlle á Deputación as ordenanzas por prestación de servizos.
- Delegar facultades concretas e determinadas nunha comisión executiva nomeada polo propio Consello do seu seo.
- E, en xeral, exercer as máis amplas facultades de xestión do centro, sen máis limitacións que as que se deriven da súa dependencia da Deputación Provincial.
Artigo 11.- O presidente do Consello terá as seguintes facultades:
- Convocar, presidir, suspender e levantar as sesións, dirixir as deliberacións e dirimir os empates co seu voto de calidade.
- Autorizar co seu visto e prace os documentos do centro que así o requiran.
- Inspeccionar a marcha dos servizos, coidando de que se cumpran os acordos e directrices do Consello.
- Desempeñar a representación permanente do Centro e do Consello de Administración.
- Ordenar os gastos con cargo ás consignacións orzamentarias, subscribindo, no seu caso, os contratos pertinentes.
- Poderá delegar no vicepresidente facultades concretas e determinadas, entre elas, a presidencia das sesións do Consello durante a súa ausencia.
|