[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
VENRES, 14 DE AGOSTO DE 2020
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Arquivo Deputación Provincial
Patrimonio Documental Provincial
Patrimonio Bibliográfico
Biblioteca
Hemeroteca
Cartoteca
Audiovisuais
Editorial

 

Coidando do agro

Fondo Cámara Agraria Provincial



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patrimonio Documental e Bibliográfico

04 MAIO 2020


O agro, o mundo rural, é un elemento intrínseco, diferenciador da nosa terra. Poderíase dicir que forma parte do ADN galego, da nosa identidade, das nosas raíces… De aí a importancia de fondos documentais coma este, que nos transmiten información sobre a organización e o funcionamento das sociedades, neste caso da Cámara Agraria, vencelladas ao mundo agrario, que tiñan como principal propósito a defensa dos seus intereses.

Este fondo foi organizado na década dos setenta por Perfecto Hermida Santos e, máis recentemente, polo persoal do Servizo de Patrimonio Documental da Deputación de Pontevedra. Na actualidade, e desde a desaparición da Cámara Agraria, entidade da cal procede a documentación, consérvase en dependencias do Arquivo Histórico Provincial pontevedrés. Abrangue un marco cronolóxico que vai desde o ano 1890 ata o 2004 e ocupa setecentas sesenta unidades de instalación con dous mil seiscentos nove expedientes ou agrupacións documentais.

Así pois, botando unha ollada ás orixes, historia ou traxectoria das cámaras agrarias en Galicia, convén retrotraérmonos á década dos anos oitenta do século XIX, momento no que se dan os primeiros pasos das organizacións agraristas galegas. Fúndanse en diversas comarcas da provincia de Pontevedra diferentes mutuas gandeiras, o cal, sen dúbida, era un modo de responder á crise agraria finisecular e á perda dos mercados exteriores. Representaba tamén a primeira expresión dunha solidariedade campesiña que tiña un profundo arraigamento en costumes populares como era o sistema da obriga.

Ás formas organizativas mutualistas seguíronlles as primeiras sociedades agrícolas ou sociedades de agricultores, baixo o amparo da Lei de asociacións de 1887, sociedades que se difundirían tamén principalmente nas parroquias próximas ás cidades de Pontevedra e Vigo. Como exemplos máis significativos, a de Lérez, Salcedo ou Lavadores.

Varias foron as forzas complementarias que interviñeron nestes inicios do agrarismo. Por unha banda, a vontade dos sectores liberais do sistema político da Restauración, na busca ou procura dunha base electoral no mundo rural, e a difusión dalgunhas ideas republicanas, que se mantiveran algo aletargadas despois da experiencia do Sexenio. Por outra banda, a propia forza dun campesiñado que se atopaba máis familiarizado cos circuítos comerciais (mercados urbanos próximos, mercados de longa distancia…) e que precisaba de instrumentos para actuar neste novo marco económico.

Arredor deste caldo de cultivo tivo lugar a orixe das cámaras agrícolas, reguladas polo Real decreto do 14 de novembro de 1890. Trátase de asociacións agrarias, de carácter voluntario e de dereito público, que funcionaban como órganos consultivos e de colaboración coas administracións públicas en asuntos agrarios, emitindo informes e realizando estudos. Da mesma maneira, informaban os seus membros, entre outras cousas, da normativa agraria, subvencións ou axudas. As súas funcións estaban basicamente encamiñadas á defensa e ao fomento dos intereses agrícolas.

Organizábanse a través dunha asemblea, unha comisión executiva e unha presidencia. Para o cumprimento dos seus fins nutríanse das achegas establecidas nos orzamentos xerais do Estado, comunidades autónomas e entidades locais. As persoas representantes eran elixidas mediante un proceso democrático, regulado e representativo.

No ano 1939 xorden as irmandades sindicais de labregos e gandeiros, modificadas polo Decreto de unidade sindical agraria do 17 de xullo de 1944 e a publicación do Regulamento das irmandades en 1945.

As irmandades sindicais provinciais conviviron ata 1947 coas cámaras oficiais agrícolas, fusionándose nunha nova corporación de dereito público denominada Cámara Oficial Sindical Agraria (COSA), dotada de funcións moi amplas.

A aparición dun sistema democrático e a nova realidade sindical derivaron na creación, en 1977, en plena transición democrática, das cámaras agrarias provinciais, que se mantiveron ata a súa descentralización e transferencia ás respectivas comunidades autónomas en 1995. Estes últimos pasos suporían o preludio da desaparición destes organismos.

A documentación, que presenta en xeral un bo estado de conservación, organizouse seguindo un criterio de clasificación orgánico funcional, polo que o cadro de clasificación está artellado en catro seccións relativas a: xestión dos órganos de goberno colexiados e unipersoais; funcionamento administrativo da entidade; xestión de servizos e relacións con outras administracións; e, por último, control e xestión orzamentaria e dos seus recursos.

Cómpre resaltar, en canto ao nivel informativo que amosan, as actas dos diferentes órganos de goberno, así como o conxunto fotográfico do voo realizado no ano 1969, que recolle a totalidade da provincia e supón unha fonte gráfica de grande importancia e interese pois reflicte as variables xeográficas, resultantes da evolución urbana e económica.

Máis detallada información dos contidos deste fondo a través do noso portal Atopo



BUSCAR NAS NOVAS
AGOSTO 2020
LMMXVSD
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31
 HOXE 

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 04/05/2020 09:02
Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/