[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
LUNS, 25 DE MAIO DE 2020
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Arquivo Deputación Provincial
Patrimonio Documental Provincial
Patrimonio Bibliográfico
Biblioteca
Hemeroteca
Cartoteca
Audiovisuais
Editorial

 

O Día das Letras Galegas (1963-2020)

Exemplar de A xente da Barreira (Biblioteca da Deputación)



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patrimonio Documental e Bibliográfico

15 MAIO 2020


Como cada 17 de maio e malia que a crise sanitaria provocada pola pandemia de COVID-19 obrigou a que os actos oficiais (entre eles o tradicional Pleno da Real Academia Galega) fosen aprazados ata o mes de outubro, as letras galegas están presentes en todos e cada un dos ámbitos culturais da nosa comunidade.

O Día das Letras Galegas (considerado desde 1991 festividade oficial na nosa comunidade) está consagrado á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua e ten a súa verdadeira orixe no ano 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, considerada a primeira obra mestra coa que contou a literatura galega contemporánea.

Foi concretamente o 20 de marzo dese ano cando tres académicos (Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo) propuxeron nun escrito presentado á RAG a celebración do día das nosas letras. Nese escrito, entre outras cuestións, afirmaban o seguinte:

“Todos sabemos que o libro rosalián editado en 1863, ten sido a primeira obra maestra con que contóu a Literatura Galega Contemporánea. A súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria. Representa, pois, un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia.

A celebración do centenario diste acontecimento, convida a reconsiderar o siñificado do mensaxe transmitido nos "Cantares". Un mensaxe que, tanto como esprito e pobo, tanto como universalismo e galeguidade, foi, estéticamente, un mensaxe de palabra e poesía.

Velahí por qué, ademáis dos aitos conmemorativos que se orgaícen pra reaitualizar na conciencia das xentes o acento de tal mensaxe, a Academia -como órgano oficial da nosa cultura- debería consagrar, con caracter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual.”

O 28 de abril dese 1963 a Academia resolve por unanimidade aprobar a proposta e declarar como Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano.

A data escollida baséase no feito de que xusto ese día, cen anos antes, Cantares Gallegos saía definitivamente da imprenta de Juan Compañel, como parece demostrar o informe que elabora o académico Julio Rodríguez Yordi (fillo de Eladio Rodríguez González) e que foi lido aos académicos cando estaban reunidos na xunta ordinaria do día 28 de xaneiro de 1963. É, ademais, esa (17 de maio de 1863) a data que aparece no encabezamento co que Rosalía dedica a súa obra á escritora Fernán Caballero (Cecilia Böhl de Faber) e, en definitiva, a que está considerada por moitos como a data do inicio do Rexurdimento, o renacemento cultural galego.

Tratándose, polo tanto, do centenario dunha das súas grandes obras, foi Rosalía de Castro a primeira homenaxeada, seguíndolle desde esa data e sen interrupción outras moitas figuras singulares da cultura de Galicia, na seguinte orde:

Castelao (1964), Eduardo Pondal (1965), Francisco Añón (1966), Manuel Curros Enríquez (1967), Florentino López Cuevillas (1968), Antonio Noriega Varela (1969), Marcial Valladares Núñez (1970), Gonzalo López Abente (1971), Valentín Lamas Carvajal (1972), Manuel Lago González (1973), Xoán Vicente Viqueira (1974), Xoán Manuel Pintos (1975), Ramón Cabanillas (1976), Antón Villar Ponte (1977), Antonio López Ferreiro (1978), Manuel Antonio (1979), Afonso X o Sabio (1980), Vicente Risco (1981), Luís Amado Carballo (1982), Manuel Leiras Pulpeiro (1983), Armando Cotarelo Valledor (1984), Antón Losada Diéguez (1985), Aquilino Iglesia Alvariño (1986), Francisca Herrera Garrido (1987), Ramón Otero Pedrayo (1988), Celso Emilio Ferreiro (1989), Luís Pimentel (1990), Álvaro Cunqueiro (1991), Fermín Bouza-Brey (1992), Eduardo Blanco Amor (1993), Luís Seoane (1994), Rafael Dieste (1995), Xesús Ferro Couselo (1996), Ánxel Fole (1997), Trobadores da ría de Vigo (1998), Roberto Blanco Torres (1999), Manuel Murguía (2000), Eladio Rodríguez González (2001), Frei Martín Sarmiento (2002), Avilés de Taramancos (2003), Xaquín Lorenzo, Xocas (2004), Manuel Lorenzo Varela (2005), Manuel Lugrís Freire (2006), María Mariño (2007), Xosé María Álvarez Blázquez (2008), Ramón Piñeiro (2009), Uxío Novoneyra (2010), Lois Pereiro (2011), Valentín Paz Andrade (2012), Roberto Vidal Bolaño (2013), Xosé María Díaz Castro (2014), Xosé Filgueira Valverde (2015), Manuel María Fernández Teixeiro (2016), Carlos Casares (2017), María Victoria Moreno (2018), Antonio Fraguas (2019) e, finalmente, neste ano 2020 a dedicatoria recaeu en Ricardo Carballo [Carvalho] Calero.

Escritor, historiador da literatura, crítico literario, filólogo e lingüista, Carballo Calero é, sen dúbida, un dos principais referentes intelectuais e literarios das letras galegas no século XX.

Nacido en Ferrol en 1910 e bautizado como Ricardo Leopoldo Ángel José Gerardo Carballo Calero, acabaría por lusificar o seu apelido e asinar as súas obras como Carvalho Calero, cando a mediados da década dos 70 se erixe como o gran pensador do reintegracionismo (corrente que sostén que o galego e o portugués forman parte de mesmo sistema lingüístico).

Tras cursar os estudos primarios na súa cidade natal e o bacharelato na Coruña, con 16 anos trasládase a Santiago de Compostela para estudar as carreiras de Dereito e de Filosofía e Letras (das que se licencia en 1931 e 1935 respectivamente) e alí entra en contacto co galeguismo e con movementos culturais coma o Seminario de Estudos Galegos. Comeza así un período de intensa militancia política, participando na fundación do Partido Galeguista (1931), nas mobilizacións a prol da galeguización da Universidade e no proceso de redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia (1931-1932).

Neste período arranca a súa creación literaria, participando en numerosas ocasións nas máis destacadas revistas literarias galegas (A Nosa Terra, Nós, Resol etc.) e comezando a publicación dos seus libros poéticos en castelán e galego.

O estoupido da Guerra Civil, tras o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, sorprende a Carballo Calero en Madrid, onde se atopaba para concorrer ás oposicións de profesor de Lingua e Literatura Española de ensino medio. Alistado nas milicias republicanas, loitou na defensa da capital e, ao finalizar a guerra, foi condenado a doce anos de prisión dos que cumpriría dous, posto que en 1941 se lle concedeu a liberdade provisoria, iso si, con inhabilitación para acceder a empregos públicos; por ese motivo regresa a Ferrol para gañarse a vida traballando no ensino privado.

En 1950 fúndase en Lugo o Colexio Fingoy e Carballo Calero entra a formar parte como primeiro director. Alí permanecerá ata 1965, cando se lle permite exercer o ensino público e (en virtude da oposición gañada en 1936) se incorpora como agregado no instituto do Liceo Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, ademais de comezar a impartir aulas de galego na Universidade.

Neste período de plena madurez, e sempre moi vinculado ao que el mesmo denominou Grupo Galaxia, o intelectual centraría os seus esforzos nas tarefas de carácter filolóxico e en 1972 obtén por oposición a primeira cátedra de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

Dedicado desde entón case exclusivamente á Universidade e ata a súa xubilación, en 1980, publicou numerosas obras relativas á lingua e literatura galegas, e xa desde mediados da década dos 70 a súa posición no eido cultural galego estará fundamentalmente caracterizada por unha defensa das teses etimoloxistas no seus estudos da lingua galega e pola súa vinculación ao movemento reintegracionista, pasando a firmar como Carvalho Calero.

Neste último período da súa vida continúa co seu prolífico labor como divulgador e polígrafo, publicando de xeito regular na prensa diaria, pronunciando conferencias, publicando ensaios etc. ata que falece en Santiago de Compostela en 1990, tan só semanas despois de recibir a súa distinción como fillo predilecto do concello de Ferrol.

Polo que respecta á súa obra, é moi extensa e abrangue tanto a creación literaria coma a súa destacada investigación en lingua e literatura galegas.

A poesía vai ocupar un lugar destacado para o propio autor e as súas primeiras obras son nesta forma. Escribiu tanto en castelán, con obras coma Trinitarias (1928, primeira obra publicada) ou La soledad confusa (1932), coma en galego, coma, por exemplo, Vieiros (1931), O silenzo axionllado (1934), Anxo de terra (1950) ou obras de recompilación coma Pretérito imperfeito, 1927-1961 (1980), Futuro condicional, 1961-1980 (1982) ou Cantigas de amigo e outros poemas, 1980-1985 (1986).

No campo da narrativa (esta si en galego na súa totalidade) pódense destacar obras coma A xente da Barreira (1951), coa que un ano antes gaña o premio convocado por Bibliófilos Gallegos, Narrativa completa (1984) ou Scórpio (1987). Así mesmo, ten unha prolífica produción teatral, con obras coma A farsa das zocas (escrita en 1948 e publicada no número 1 da revista Grial en 1963), Catro pezas (1971) ou Teatro completo (1982).

Polo que respecta aos seus estudos e ensaios sobre filoloxía e lingüística galega podemos citar Gramática elemental del gallego común (1966), Problemas da Língua Galega (1981), Da fala e da escrita (1983) ou Do galego e da Galiza (1990).

Por último, Carballo Calero destaca especialmente polo seu labor como investigador da literatura galega, que, segundo o seu propio criterio filolóxico, sería aquela que está escrita en galego. Así, entre os seus numerosos traballos ocupan un lugar destacado os de crítica literaria, coma Sete poetas galegos (1955), Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía (1959) ou Letras galegas (1984).

Especialmente importante é a Historia da literatura galega contemporánea , da que se publica un primeiro volume no ano 1963 (dedicado ao século XIX) e un volume definitivo en 1975 (que abrangue ata o ano 1936). Hai una terceira edición do ano 1981.

Nas seguintes ligazóns pódese visualizar unha importante selección de títulos relacionados tanto co Día das Letras Galegas coma coa figura do autor homenaxeado neste ano 2020. Todos eles (xunto con máis de 200 artigos de publicacións periódicas sobre o autor ferrolán) están dispoñibles para o préstamo a domicilio e a consulta en sala na biblioteca do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, que, ademais, conta na sección correspondente con documentos audiovisuais nos que intervén Ricardo Carballo Calero, coma, por exemplo, Patria poética ou O inmenso don Ramón.

Ligazón a títulos diLigazón a títulos dispoñibles relacionados co Día das Letras Galegas

Ligazón a títulos diLigazón a títulos dispoñibles relacionados con Ricardo Carballo Calero



BUSCAR NAS NOVAS
MAIO 2020
LMMXVSD
123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
 HOXE 

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 15/05/2020 16:18
Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/