[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
LUNS, 25 DE MAIO DE 2020
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Arquivo Deputación Provincial
Patrimonio Documental Provincial
Patrimonio Bibliográfico
Biblioteca
Hemeroteca
Cartoteca
Audiovisuais
Editorial

 

Vestixios de asistencia social e beneficencia na cidade de Pontevedra

O Hospicio



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patrimonio Documental e Bibliográfico

18 MAIO 2020


Fondo de orixe pública relativo á actividade e ao funcionamento das institucións benéficas, Hospicio e, posteriormente, Fogar Provincial. Abrangue desde 1829 ata 1979 e ocupa cento sesenta e unha unidades de instalación con mil seiscentas cincuenta agrupacións documentais.

O Hospicio xorde coa intención de axudar a mitigar e paliar os graves problemas que afectaban a amplos colectivos de persoas. Eran tempos difíciles, unha crise de subsistencia, e, aínda por riba, a epidemia de cólera que no ano 1853 asolagou a provincia. Esta situación foi o espello no que a Deputación mirou a necesidade de crear institucións de asistencia social e beneficencia. No Pleno do 12 de abril de 1853 fíxose unha chamada ao clero e ás clases máis acomodadas para que buscasen remedio e tratasen de resolver tanta indixencia.

Un grupo de mulleres, co apoio do xefe político, constituíu a Asociación Benéfica de Señoras, asociación que no mes de outubro dispuxo a creación da Casa Hospicio.

O establecemento acollía nenas e nenos, persoas anciás, tollidas e dementes; para a acollida debían ser pobres de solemnidade, ademais de veciñas e veciños da cidade de Pontevedra.

Nun primeiro momento instálase no convento de San Domingos, compartindo local co cárcere de mulleres ata 1855. Dependía economicamente da caridade pública e recibía apoio do Goberno Civil e do arcebispado de Santiago de Compostela.

Entre os anos 1878 e 1903 a administración foi levada a cabo pola Xunta Superior da Casa Hospicio, composta polo cardeal arcebispo de Santiago, unha comisión de deputados, unha comisión do Concello de Pontevedra, e, ademais, coa novidade de incluír as Fillas da Caridade, que se ocuparían do control da administración e o réxime interior.

A partir de 1903, tras o traslado da localización ao convento de xesuítas, pasou a depender economicamente da Deputación. Entre 1930 e 1949 prodúcese un abandono absoluto da xunta. As Fillas da Caridade facían e desfacían ao seu antollo, mesmo chegando a situacións de maltrato.

Ante tal atropelo toma a iniciativa o presidente de Audiencia da Xunta de Protección de Menores e, xunto co presidente da Deputación, ten lugar a Xunta do Padroado do Hospicio, que incorpora a figura de administrador xeral. No ano 1953 fúndense nun só centro o Hospicio e a Inclusa, formando o Fogar Provincial, que funcionaría ata 1976, data na que se creou a Cidade Infantil Príncipe Felipe.

Trátase dun fondo pechado que ingresou no Arquivo mediante transferencia no momento no que se inaugurou a Cidade Infantil. Posteriormente, no 2018, tras unha reorganización do arquivo do Centro Príncipe Felipe, transferiuse documentación que quedara alí.

O conxunto documental resulta de grande interese para un estudo da situación social da provincia. Entre a documentación máis salientable temos a relativa a persoas internas, hospicianas, e destacan os libros de rexistro e os expedientes persoais de cada un delas. A rica información que se nos proporciona achéganos a diferentes aspectos relacionados coa saúde, educación e diferentes actividades, entre elas a banda de música. A organización recóllese en tres seccións, de acordo coas funcións desempeñadas e a tipoloxía documental: administración, actividade e contabilidade.

Este fondo ten acceso limitado por conter información sensible e confidencial, polo que require de autorización para acceder a unh aparte dos seus contidos, dacordo coa lexislación vixente.

Información sobre este fondo a través do noso portal web arquivos.depo.es

Tamén se poden consultar e disfrutar abundante material gráfico deste fondo no metabuscador Atopo

BUSCAR NAS NOVAS
MAIO 2020
LMMXVSD
123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
 HOXE 

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 18/05/2020 15:11
Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/