[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
VENRES, 14 DE AGOSTO DE 2020
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Arquivo Deputación Provincial
Patrimonio Documental Provincial
Patrimonio Bibliográfico
Biblioteca
Hemeroteca
Cartoteca
Audiovisuais
Editorial

 

Organización Sindical de Labregos e Gandeiros en Ponte Sampaio

Irmandade de Labregos de Ponte Sampaio



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patrimonio Documental e Bibliográfico

22 MAIO 2020


Na provincia de Pontevedra a meirande parte dos concellos constituíron as súas irmandades entre o inverno de 1943 e o outono de 1944 para, polo menos teoricamente, contar todos eles coa súa propia irmandade a finais de 1946 e comezos de 1947.

As irmandades sindicais de labradores e gandeiros acumularon (definidas polo seu regulamento ou ordenanzas) unha longa lista de funcións de ata cinco tipos diferentes: sociais, económicas, asistenciais, comunais e, como non, neses momentos, de colaboración e asesoramento do Estado.

A función social das irmandades tiña que ver, sobre todo, coa regulamentación das relacións laborais no mundo rural ou, máis ben, coa disciplina da man de obra no rural (xornaleiros eventuais e, principalmente, os fixos). En Galicia apenas había xornaleiros e, na maioría das ocasións, as seccións sociais das irmandades estaban constituídas como un mero formalismo.

Quizais a función social (aínda que con natureza política) máis destacable das irmandades tivo que ver coa xestión dos servizos de colocación obreira de cada localidade, pola súa responsabilidade nas tarefas de sindicación. Así pois, o Servizo de Colocación encargábase de manter ao día o censo sindical de cada concello e de expedir a cartilla sindical agraria, acreditativa da sindicación, sen a cal non se podía acceder aos diferentes subsidios sociais, que o réxime foi implantando de modo progresivo no eido rural e nas actividades agropecuarias.

As funcións de orde comunal foron encargadas ao Servizo de Policía Rural que debía existir en cada irmandade local. As denuncias e as multas tramitadas por este servizo tiveron que ver principalmente co pastoreo do gando. A tipoloxía de infraccións punibles era ampla e incluía un amplo abano de casuísticas: furto de leña, froitos, esterco, servidumes de paso incorrectas, prexuízos ocasionados polos cans soltos… Por outra banda, os gardas rurais contaban con atribucións respecto da apertura e o mantemento de camiños rurais e vixilancia e limpeza de canles, desaugadoiros, fontes etc. Para levar a cabo estas tarefas as irmandades podían esixir a prestación persoal de labradores dos lugares beneficiados pola apertura ou arranxo dun camiño e pola apertura dun leito de auga.

En canto ás coberturas asistenciais, en cada irmandade, desde 1945, estableceuse un Servizo de Xestión Asistencial. Os primeiros subsidios en chegar aos campos galegos foron o subsidio familiar e o de vellez, que constituíron a armazón do Réxime Especial da Seguridade Social Agropecuaria. En 1959 creouse a Mutualidade Nacional de Previsión Agraria, que absorbeu o precedente e referido Réxime Especial.

No plano económico as irmandades contaban cunha serie de competencias, entre elas a loita contra as pragas do campo, a construción de pequenas infraestruturas de rega, o impulso de actividades de transformación agroindustrial ou a creación de institucións de ensino agropecuario.

Partían dunha estrutura organizativa común, con órganos diferentes coma a asemblea ou o cabido, as xuntas directivas de posibles organismos incorporados á irmandade, o secretario contador ou o tribunal xurado das distintas seccións.

En todas as irmandades foron inicialmente obrigatorios, aínda que non sempre operativos, os servizos de colocación obreira, estatística, xestión ambiental, explotación económica e subministración e policía rural.

Antes de falar do fondo que aquí nos atinxe, cómpre dicir que Ponte Sampaio foi concello independente ata a súa anexión a Pontevedra en 1960. Non obstante, sempre contou cunha irmandade de labregos e gandeiros, que foi, xunto con Bouzas, a única irmandade cinguida a lugar e non a concello da provincia.

O fondo Irmandade de Labregos de Ponte Sampaio, custodiado e conservado actualmente no Arquivo Histórico Provincial, foi organizado polo persoal técnico do Servizo de Patrimonio Documental da Deputación. Cun marco cronolóxico que abarca desde 1951 ata 1994, ocupa dezanove unidades de instalación e cento vinte e oito expedientes ou agrupacións documentais.

A pesar deste amplo espazo temporal, o groso do conxunto documental corresponde ao período comprendido entre os anos 60 e 1977, data na que funcionaba como irmandade sindical, e con menor relevancia desde ese ano ata 1983-1984, xa como cámara agraria. A documentación dos anos 50 é moi minoritaria.

A irmandade era un organismo administrativo que actuaba como representante legal nun sistema de organización sindical agrario co obxectivo de canalizar os intereses e necesidades corporativas do sector agropecuario, neste caso, na área xeográfica de Ponte Sampaio.

A documentación supón unha fonte de información moi útil para o estudo dunha parte substancial da realidade agraria deste lugar na época franquista. A meirande parte de documentos conservados emanan de tres series concretas. En primeiro lugar, a serie de correspondencia, oficios e circulares, especialmente en relación a diversos organismos agrarios (COSA, Xefatura Agronómica e Mutualidade Social Agraria). En segundo lugar, a serie correspondente á documentación xerada pola Corresponsalía Local da Mutualidade Agraria. E en terceiro lugar, a serie de censos agropecuarios. Estes eran realizados periodicamente, así como as estatísticas de cultivo e maquinaria, e resultaban de grande importancia.

O cadro de clasificación estrutúrase arredor de catro seccións: goberno, administración, servizos e facenda. Esta última é a que achega o maior número documental, non obstante é a que peor estado de conservación presenta. Son basicamente documentos de xestión orzamentaria, aínda que carece de documentos recadatorios.

Trátase dun fondo documental pechado pola desaparición do órgano produtor da documentación, de carácter público e consulta libre coas limitacións derivadas da normativa legal vixente.

Notas de publicación

Inventario do patrimonio documental das Irmandades de Labradores e Gandeiros: Mondariz-Balneario, Rodeiro, Dozón, Tomiño, Pontesampaio

Colección Patrimonio Documental da Provincia de Pontevedra, núm. 54

D.L. PO-386-03 ISBN: 84-8457-170-X

Conflitos institucionais na Galicia da posguerra. As "Hermandades sindicales de labradores y ganaderos" diante dos organismos da administración do estado e dos concellos, Daniel Lanero

Revista PONTEVEDRA: Estudios Provinciais, núm. 20, páxs. 87-112

A Gran Historia de Galicia. Século XX. Unha economía, dúas sociedades. Varios autores. A Coruña, La voz de Galicia, 2007, 253 páxs., il., cor. ISBN: 978-84-96931-30-5 (volume 2, tomo XIII)

Máis información no noso portal web atopo e na nosa web arquivos.depo.es



BUSCAR NAS NOVAS
AGOSTO 2020
LMMXVSD
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31
 HOXE 

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 25/05/2020 14:29
Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/