[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MÉRCORES, 25 DE NOVEMBRO DE 2020
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Arquivo Deputación Provincial
Patrimonio Documental Provincial
Patrimonio Bibliográfico
Biblioteca
Hemeroteca
Cartoteca
Audiovisuais
Editorial

 

Dispoñible o período 1910-1918 do Heraldo Guardés



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patrimonio Documental e Bibliográfico

06 NOVEMBRO 2020


O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación vén de poñer a disposición da cidadanía, a través do portal web Atopo, os números da publicación Heraldo Guardés cos que conta na súa colección.

Trátase concretamente dun total de 464 exemplares que van dende o 1 de xaneiro de 1910 (número 232) ata o 28 de decembro de 1918 (número 695) e que, agás os 6 primeiros números de 1910 e os catro últimos de 1911, están nun aceptable estado de conservación.

Os exemplares están encadernados en 4 volumes de gran formato (53 x 36 cm) seguindo a secuencia 1910-1911, 1912-1913, 1914-1915 e 1916-1918 sendo o primeiro deles o que se atopa nunhas condicións máis delicadas.

Fundado por José Darse Sobrino, que á súa vez foi director, xerente e propietario de dito xornal, este semanario publicado entre os anos 1904 e 1935 representa sen lugar a dúbidas unha fonte bibliográfica de obrigada consulta para achegarse á cultura e á vida cotiá da veciñanza da Guarda hai máis de cen anos, ademais de representar no seu momento un importante vencello coas persoas emigradas.

Así o corrobora (no prólogo da obra O Heraldo Guardés, a imprenta Guttenberg e o seu director, José Darse) o autor de numerosos estudos sobre a historia local da Guarda e doutor en historia Joaquín Miguel Villa Álvarez cando afirma que “se tiveramos que destacar os vinte acontecementos centrais –pola súa trascendencia- na historia da Guarda e a súa comarca, a aparición e traxectoria do Heraldo Guardés sería un deles”.

Á vista da información achegada nas principais fontes bibliográficas que se poden consultar ao respecto podemos observar que existe certa confusión acerca da data real de saída do xornal e así, por exemplo, mentres Fernández Pulpeiro (Apuntamentos para a historia da prensa do século XIX en Galicia) ou a Gran Enciclopedia Galega (ed. 1974) a sitúan en 1905, Carré Aldao o fai en 1904, que definitivamente parece ser a auténtica data de aparición (concretamente o 15 de outubro de 1904).

Tal e como se explica na obra de Martínez Tamuxe vai ser o propio Heraldo o que nos saque de dúbidas a través de dous dos seus exemplares, un publicado o 12 de outubro de 1907 cun artigo titulado “O terceiro aniversario de Heraldo” e outro publicado en 1934 cos artigos “Xa temos 30 anos!” e “1904-1934”.

Desde o primeiro número e ata 1908 o semanario editaríase na tipografía Guttenberg de Vigo que debido a un incendio na instalación inicial trasladaríase á Guarda, onde tras uns meses de interrupción verá a luz o Heraldo entre 1909 e 1935. Ese ano, segundo a información dispoñible, cesaría a súa actividade, tan só tres despois do pasamento do seu fundador.

Nado en Porto no ano 1874, José Darse Sobrino (de ascendencia francesa por parte de pai e galega por parte de nai) emigra moi novo a São Paulo, onde cursa estudos, exerce de profesor e funda en 1896 o xornal A Lei.

A comezos de século regresa de Brasil e establécese na Guarda, onde inicia unha campaña xornalística de carácter anticaciquil que había de durar anos, comezando pola fundación do Heraldo Guardés que en 1915 era xa o decano dos xornais agrarios de Galicia.

Cunha personalidade marcada sen dúbida polo seu papel como propagandista activo do agrarismo, isto vaille xerar non poucas denuncias, chegando unha delas (en 1912) ata o Tribunal Supremo, no que a Gran Enciclopedia Galega cita como “a primeira gran vitoria do agrarismo anticaciquil do baixo Miño”.

Tras a súa morte (30 de nadal de 1932), os novos responsables da publicación trataron de modificar drasticamente a liña xornalística representada por Darse e probablemente por esa razón algúns dos seus discípulos botaron a andar o Novo Heraldo: Semanario republicano independente, que axiña se vería obrigado a pechar.

Entre as principais referencias bibliográficas nas que podemos atopar información sobre o Heraldo quizais a máis específica é a que no ano 2004 (coincidindo co centenario da publicación) edita o concello Guardés co título O Heraldo Guardés, a imprenta Guttenberg e o seu director, José Darse. Nela, o prolífico historiador, escritor e investigador Xoán Martínez Tamuxe achégase polo miúdo aos diferentes aspectos que marcaron a existencia deste primeiro xornal da vila de A Guarda.

En definitiva unha publicación, a do Heraldo Guardés, que como portavoz do agrarismo pontevedrés da súa época representa indubidablemente unha fonte historiográfica de extraordinario valor tanto para a cidadanía en xeral como para os investigadores en particular e que agora o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico vén de poñer en valor mediante a dixitalización dos 464 números do seu fondo.

Ao igual que sucede con outros materiais xestionados neste servizo, a dixitalización representa sen dúbida un paso decisivo cara á definitiva conservación pero tamén un avance extraordinario no que respecta á accesibilidade aos fondos e á difusión destes, que se fai se cadra aínda máis importante nun momento actual no que as consultas presenciais están permanentemente condicionadas polas circunstancias derivadas da pandemia que estamos a sufrir.



BUSCAR NAS NOVAS
NOVEMBRO 2020
LMMXVSD
1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
30
 HOXE 

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 06/11/2020 10:40
Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/