[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MÉRCORES, 25 DE NOVEMBRO DE 2020
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Arquivo Deputación Provincial
Patrimonio Documental Provincial
Patrimonio Bibliográfico
Biblioteca
Hemeroteca
Cartoteca
Audiovisuais
Editorial

 

16 de novembro, Día Internacional do Patrimonio



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patrimonio Documental e Bibliográfico

16 NOVEMBRO 2020


O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra desenvolve con regularidade unha ampla gama de actuacións destinadas á conservación, tratamento técnico, posta en valor e difusión do patrimonio da provincia.

Co gallo desta conmemoración que rememora o asinamento en Paris en 1972 da Convención sobre o Patrimonio Mundial Cultural e Natural, a modo de contribución á súa difusión e recoñecemento, achegamos información sobre tres iniciativas concretas que temos rematado recentemente, neste caso desenvoltas pola Biblioteca e pola Sección de Audiovisuais e a disposición no noso portal “AtoPO”.

1.- Acceso á colección do Heraldo Guardés 1910-1918

Con esta iniciativa poñemos a disposición da cidadanía a través do noso metabuscador Atopo ós números da publicación Heraldo Guardés cos que contamos entre os nosos fondos. Trátase concretamente dun total de 464 exemplares que van dende o 1 de xaneiro de 1910 (número 232) ata o 28 de decembro de 1918 (número 695) e que, agás os seis primeiros números de 1910 e os catro últimos de 1911, están nun aceptable estado de conservación.

Fundado por José Darse Sobrino, que á súa vez foi director, xerente e propietario de dito xornal, este semanario publicado entre os anos 1904 e 1935 representa sen lugar a dúbidas unha fonte bibliográfica de obrigada consulta para achegarse á cultura e á vida cotiá da veciñanza da Guarda hai máis de cen anos, ademais de representar no seu momento un importante vencello coas persoas emigradas.

En definitiva, estamos diante dunha fonte historiográfica de extraordinario valor tanto para a cidadanía en xeral como para os investigadores en particular e que agora o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico vén de poñer en valor mediante a dixitalización dos 464 números do seu fondo.

2.-A colección histórica do Boletín Oficial da provincia, dixitalizada e dispoñible para a súa consulta

Rematado fai un tempo o proceso de dixitalización da inmensa maioría da colección do Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, ven de completarse o proxecto para a súa difusión pública mediante a incorporación do resultado no do noso metabuscador Atopo, enmarcado no proceso de melloras do mesmo que se están a desenvolver na actualidade.

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico levou a cabo unha no seu día un complexo proceso de recuperación de orixinais para este fin, que complementaran a ampla colección da que dispoñía a propia Deputación, tanto na Biblioteca do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico coma no Museo de Pontevedra. A tal fin utilizáronse exemplares orixinais conservados en diversas institucións especialmente do Arquivo Municipal de Vigo, que dispón dunha moi completa colección en papel, no Arquivo municipal de Tui e na Biblioteca do Instituto Pai Sarmiento de Santiago, así como algúns exemplares xa microfilmados con anterioridade.

Como consecuencia diste traballo, os máis de 43.000 exemplares están xa dispoñibles na súa versión PDF a través do catálogo bibliográfico e documental "AtoPO" e permitirán aos usuarios o acceso a unha fonte de información de elevada consulta e abondosa información para o coñecemento da realidade administrativa dende 1834, data do primeiro exemplar ofrecido, ata a actualidade.

Son preto de 350.000 imaxes que recollen a practica totalidade dos números editados, xa que apenas faltan un par de centos de números, que se están a procurar para proceder a completar a colección na súa totalidade.

3.- Fondo fotográfico do Hospicio-Fogar provincial

Esta actividade supón a posta en valor do traballo realizado no Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra co fondo gráfico do antigo Hospicio e Fogar provincial.

Dende o ano 1953 o Hospicio e a antiga Inclusa se funden nun único organismo formando así o Fogar provincial, que funcionou ata 1976, data na que se creou a Cidade infantil Príncipe Felipe.

O fondo está formado por máis de 100 unidades documentais (álbumes fotográficos, caixas, arquivadores) contendo máis de 3000 fotografías. Rematado o proceso de catalogación e dixitalización, 1879 destas fotos están disponibles para a súa consulta e descarga no noso metabuscador Atopo.

Consideramos que este fondo dispón dun valor patrimonial, histórico e social indudábel. As fotos describen a vida dos internos, relixiosas encargadas do seu funcionamento e a continua relación con funcionarios e cargos políticos da Deputación a través da súa participación en cursos, actos académicos, festas relixiosas, celebracións, etc.



BUSCAR NAS NOVAS
NOVEMBRO 2020
LMMXVSD
1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
30
 HOXE 

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 16/11/2020 13:09
Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/