[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MARTES, 27 DE XUÑO DE 2017 Páxina de inicio Mapa de contidos Directorio de contacto Directorio telefónico Axudas á navegación
   Está en » depontevedra.es » ..... » Patrimonio Documental » Guía do Patrimonio Documental da Provincia de Pontevedra
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Guía do Patrimonio
Documental da Provincia
de Pontevedra
Arquivo Deputación Provincial
Arquivo Histórico Provincial
Arquivos municipais
Arquivos das Entidades Locais Menores
Arquivo da Mancomunidade do Salnés
Arquivos dos Xulgados de Paz
Arquivos Capitular e Histórico Diocesano de Tui
Arquivo da Autoridade Portuaria
de Marín e Ría de Pontevedra
Coleccións documentais do Museo de Pontevedra
Fondo Cárcere Partido Xudicial de Tui
Coleccións documentais da Fundación Penzol
Arquivo do Instituto de Pontevedra
Sánchez Cantón
Arquivos das Irmandades e Cámaras Agrarias

Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte
GUÍA DO PATRIMONIO DOCUMENTAL DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA 

Arquivo Instituto de Pontevedra


[Prema (click) para ampliar a imaxe]
Arquivo Instituto de Pontevedra

Descrición FONDO. Norma ISAD (G)



1. Área de identificación
1.1. Código de referencia ES.36038.AIP
1.2. Título Arquivo do Instituto de Pontevedra - Instituto Sánchez Cantón
1.3. Datas 1845-2004
1.4. Nivel de descrición FONDO
1.5. Volume e soporte 1.406 unidades de instalación en soporte papel na súa totalidade


2. Área de contexto
2.1. Nome do produtor Instituto de Pontevedra - Instituto Sánchez Cantón
2.2. Historia institucional/
Recesión biográfica

Nos anos inmediatamente anteriores á instalación do “Instituto de Segunda Enseñanza” en Pontevedra a función educativa exercíase a través dunha fundación a cargo dun presbítero exclaustrado, D. Miguel Barros, instalada para as súas ensinanzas no exconvento dos xesuítas dende en 1830, por acordo do Concello, que era o seu administrador. Esta mantivo a súa actividade polo menos ata 1842.

Neste ano 1842 está documentada a instalación doutro colexio, na rúa da Palma, rexido por D. José María Billar, no que se impartían ensinanzas das primeiras letras, clases de latinidade, debuxo e lingua francesa, estando prevista a súa ampliación ás matemáticas, filosofía e outras.

O antecedente máis inmediato do Instituto de “Segunda Enseñanza” de Pontevedra é o Colexio Oficial de Humanidades, dependente da Universidade Literaria de Santiago, que inicia o seu labor docente en 1843, instalado no mesmo convento da Compañía de Xesús, pasando en 1844, provisionalmente, a un edificio na rúa Peregrina. A dirección deste centro estaba a cargo de D. Francisco Varcia Gómez.

O Concello solicita entón a creación do instituto de Pontevedra, apoiado por un grupo de cidadáns, concedéndose esta por R.o. de 30 de outubro de 1845. Esta proposta levaba parella o sostemento do centro entre os cidadáns e as rendas das fundacións e obras pías que daquela administraba o Concello, xunto cos ingresos derivados dos exames e matrículas.

O instituto, para iniciar o seu funcionamento absorbe o citado Colexio de Humanidades e nomean como director do instituto o que xa era do colexio, D. Francisco Varcia Gómez. A inauguración do curso ten lugar o 19 de novembro de 1845, quedando instalado o instituto no convento dos xesuítas.

Contaba inicialmente coas cátedras de Historia, Xeografía, Matemáticas, Historia Natural, Física e Química e Debuxo. Será a Deputación Provincial a que asuma a maior parte do custo do funcionamento deste centro educativo, mellorando progresivamente as súas instalacións e medios pedagóxicos.

En 1845, segundo Pascual Madoz, o Instituto de “Segunda Enseñanza” de Pontevedra estaba situado aínda no convento dos xesuítas, xunto a unha Escola de Instrucción Primaria e a Escola Normal, integrada esta última pola escola práctica e a Escola de mestres. Contaba nese momento o instituto con cátedra de Moral e Relixión, Lóxica, Lingua Francesa, Xeografía, Historia, Historia Natural, Física e Química, Matemáticas Elementais, Poética, Retórica, Gramática Latina e Castelán.

Nel cursaban estudios máis de cen alumnos que pagaban unha matrícula de 160 reais cada un. Para o seu funcionamento o centro percibía 3.000 reais da fundación, que rexía o Concello. O seu orzamento era de 74.000 reais, que se cubrían maioritariamente con fondos da Deputación Provincial.

Cos anos foron mellorando as instalacións e os medios materiais para desenvolver a súa función pedagóxica, aínda que sempre cunha permanente deficiencia. Deste xeito, no ano 1867 créase no instituto un centro de internado, financiado pola Deputación Provincial, que perdurará ata 1882, data na que desaparece por problemas de espacio.

Posteriormente, en 1878, créase unha escola de comercio e outra de náutica, anexos ó instituto, así como un xardín de aclimatación para experimentacións agrícolas. En 1880 instálanse unha estación e un observatorio meteorolóxico, de grande interese e aproveitamento para alumnos e profesorado.

O instituto traslada a súa sede ó edificio construído pola Administración central para a Escola de Artes e Oficios que nunca chegou a funcionar, hoxe sede da Delegación provincial da Consellería de Educación, na avenida de Montero Ríos. Esta edificación, proxectada por Andrés Calvo, rematouse en 1899, logo de catro anos de traballo, e destínase inicialmente, en contra das pretensións iniciais, como sede do instituto, función que se prolonga ata a construcción dunha edificación propia.

A necesidade dun edificio de seu, pola abundancia de alumnos matriculados nel, resólvese coa construcción, tamén na avenida Montero Ríos, emprazamento que na actualidade ocupa o Instituto Valle Inclán. Esta construcción proxéctase xa en 1903 e as obras, con certo retraso, inícianse en 1911 e prolónganse deica 1924; inaugúrase o novo instituto en 1929.

A partir do ano 1930 esta será a sede definitiva desta institución educativa ata a máis recente proliferación de centros.

2.3. Historia arquivística

O fondo documental do arquivo do “Instituto de Segunda Enseñanza” de Pontevedra consérvase, como xa dixemos, no edificio do Instituto “Sánchez Cantón”, nunha dependencia específica para este fin, situada no semisoto con acceso directo dende as oficinas.

Conta o local con 67 m2 de superficie, nunha sala case rectangular, cunha media de 6 m de ancho, algo máis de 11 m de longo e cunha altura de 3 metros.

Dispón de iluminación e ventilación con aberturas á fachada do edificio, sendo ademais adecuadas as súas condicións de habitabilidade.

Para depósito da documentación e da bibliografía conservada neste local instaláronse un total de 157 m lineais de estantería metálica, suficiente para o volume actual e o que xere nun futuro esta institución educativa. Deste total quedaron ocupados pola documentación 87 m lineais e polos fondos bibliográficos preto de 49 metros lineais, quedando outros 21 baleiros.

Hai neste local, ademais, catro armarios de madeira e tres arquivadores metálicos que conservan as fichas dos alumnos co seu expediente académico e as cualificacións das décadas dos anos sesenta e setenta.

O primeiro proceso organizativo levouse a cabo no ano 1995, realizando dende entón sucesivas actuacións de reincorporación e informatización nos anos 1997, 1998 e 2004.

Os traballos de organización e descrición documental baixo a dirección técnica do STPDOC, leváronos a cabo:
María Puig Pérez-Quevedo
Begoña Pérez Losada
Manuela González Rey

2.4. Forma de ingreso Por transferencia directa e irregular ó arquivo no remate da súa tramitación administrativa e coincidindo co seu escaso uso administrativo.


3. Área de contido e estrutura
3.1. Alcance e contido

O Instituto “Sánchez Cantón” conserva, xunto cunha notable colección de materiais e obxectos do antigo instituto e unha abundante colección de memorias e publicacións periódicas do século XX, pendentes de clasificar, o fondo documental producido no seu funcionamento dende o ano 1845.

No momento de iniciar o traballo de organización deste fondo foi preciso establecer un cadro de clasificación coa premisa de que debería servir para a documentación que segue a producir o instituto, o que conlevaría a unificación dos fondos do antigo “Instituto de Segunda Enseñanza” cos do actual Instituto “Sánchez Cantón”.

O cadro de clasificación resultante, basicamente funcional, conta con cinco seccións que recollen as distintas series documentais derivadas das actuacións dos órganos de goberno, da propia administración do instituto, da actividade docente, das actividades complementarias ás educativas e, finalmente, a relacionada coa Escola de Artes e Oficios, moi escasa e que ocupa soamente unha unidade de instalación.

Algunhas destas seccións estimouse oportuno subdividilas en subseccións, este é o caso da sección Órganos de Goberno, con algo menos do 3% do total da documentación, na que se diferencian os fondos producidos pola dirección, tales como as memorias, anuncios ou estatísticas, e os dos consellos e xuntas que funcionaron nas diferentes etapas.

Así mesmo, a sección da Administración, verdadeiro núcleo do arquivo, con algo máis do 95% do volume total da documentación, inclúe as subseccións de Matriculación, que agrupa os documentos derivados deste trámite e as súas diferentes continxencias; a de Secretaría, na que se integra non só a correspondencia ou certificacións senón toda a documentación referida ó alumnado, ós exames e a expedición de títulos; a subsección de Persoal, que recolle os expedientes referidos ó persoal do centro, tanto docente coma administrativo ou subalterno, a de Patrimonio, na que se inclúen os expedientes e proxectos de obras a realizar e os referidos ó patrimonio do instituto, e, finalmente a subsección de Contabilidade, coas contas e libros dos diferentes exercicios presupostarios.

Pola contra, nas seccións de Actividade docente, con moi pouca documentación –a penas o 0,3%-, a de Actividades complementarias, que recolle a documentación relacionada coa sanidade escolar, as actividades culturais e deportivas ou a que se conserva do observatorio meteorolóxico, ou a sección de Escola de Artes e Oficios, cunha única unidade, non se estimou necesario o establecemento de subseccións.

A confección definitiva deste cadro e das series foi contrastada e adaptada á propia realidade documental con leves modificacións no proceso de organización.

A ordenación dos fondos de cada serie documental é maiormente cronolóxica, agás raras excepcións, nas que se segue un criterio alfabético.Finalmente, elaborouse o inventario, que aquí se edita, e un catálogo completo da totalidade dos expedientes ou conxuntos documentais que forman este arquivo.

No remate destes traballos inventariáronse un total de 1.406 unidades de instalación, na súa maior parte dispostas en caixas de cartón ríxido e nalgún caso formadas polos propios libros ou documentos encadernados. Iso supón preto de 98 m lineais de documentación, ós que hai que lles engadir os doce arquivadores que conteñen expedientes académicos de alumnos das pasadas décadas.O fondo documental, xenericamente, abarca o período comprendido entre 1845 e 2004, variando logo de acordo coa serie da que se trate. Este refírese tanto ó ensino no propio instituto coma a outros centros públicos ou privados da provincia, cunha notable continuidade na maior parte das series.

3.2. Valoración, selección e eliminación
3.3. Novos ingresos Transferencias anuais incorporadas polo Servizo Técnico do Patrimonio Documental.
3.4. Organización
CADRO DE CLASIFICACIÓN

1. ÓRGANOS DE GOBERNO

1.1. CONCELLOS, XUNTAS
- Consello de Dirección 1981-1986 2
- Consello Escolar 1986-1998 3
- Comisión Inspectora 1918-1927 1
- Xunta Económica 1909-1986 5
- Claustro do Profesorado 1846-1995 9
- Xunta Administrativa de Obras 1924 1
- Xunta de Inspección da Igrexa 1957-1958 1
- Asociacións de Pais 1973-1997 3
1.2. DIRECCIÓN
- Estatísticas. Memorias 1845-2002 15
- Notificacións. Anuncios 1856-1997 3
- Honores e distincións 1858 1

2. ADMINISTRACIÓN

2.1. MATRICULACIÓN
- Inscricións / Sobres de matrícula 1969-2004 72
- Rexistro de matrícula 1845-1997 137
- Rexistro de permanencias 1944-1980 22
- Traslado de matrícula 1879-2002 35
- Situacións especiais 1922-2003 9
2.2. SECRETARÍA
- Correspondencia 1845-2004 93
- Libro de rexistro de entrada e saída 1851-1999 56
- Certificacións 1847-1988 3
- Validacións 1962-1981 6
- Alumnado 1816-2002 171
- Exames 1845-2002 432
- Títulos de Bacherelato 1846-2003 146
- Premios. Distincións académicas 1847-2003 5
- Bolsas. Protección escolar 1867-1980 5
- Ciclo formativo 1994-1999 2
2.3. PERSOAL
- Persoal docente 1845-1999 21
- Persoal non docente 1845-2001 5
- Libro rexistro de títulos 1900-1936 1
- Libro de persoal facultativo,
administrativo e subalterno
1855-1943 3
- Libro de matrícula de persoal 1985-1989 1
- Libro de actas de toma de posesión 1904-1970 7
- Libro de actas Comisión Mixta
Provincial de Substitucións
1933 1
- Asistencia sanitaria 1958-1975 2
- Seguros sociais 1951-1972 1
- Axuda familiar 1954-1975 6
- Retribucións do persoal 1932-1972 19
- Expedientes de depuración S/D
2.4. PATRIMONIO
- Inventario de patrimonio 1845-1973 3
- Cesións 1996-1997 1
- Expedientes de obras 1877-1986 4
2.5. CONTABILIDADE
- Orzamento xeral 1845-2003 94

3. ACTIVIDADES DOCENTE

- Programacións. Seminarios 1979-2003 11
- CEFOCOP. Formación profesional 1972-1997 2
- Gabinete Normalización Lingüística 1991-1995 1
- Partes de Gardas. Reclamación 1990-2002 7
- Partes de conducta académica 1845-1868 3

4. ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS

- Plans de actividades 1979-1999 2
- Sanidade escolar 1898-1982 3
- Actividade cultural 1921-2000 18
- Actividade deportiva S/D 1
- Centros de residencia 1934-1956 1
- Bar. Comedor 1955-1956 1
- Uso de instalacións 1988-2000 2

5. ESCOLA DE ARTES E OFICIOS

- Escola de Artes e Oficios 1880-1887 1


4. Área de condicións de acceso e utilización
4.1. Condicións de acceso Documentación de caracter público, de consulta libre agás as limitacións legais derivadas das respectivas normativa vixentes.
4.2. Condición de reprodución Reproducción libre a solicitude do interesado, coa salvidade da protección documental e da salvagarda da súa integridade.
4.3. Lingua / escritura(s) dos documentos Castelán. Galego nalgúns documentos máis recentes.En soporte papel na súa totalidade, cun bo estado de conservación.
4.4. Características físicas
e requisitos técnicos
En soporte papel na súa totalidade, cun bo estado de conservación.
4.5. Instrumentos de descrición Guía e cadro de clasificación en papel, publicados e informatizados.
Inventario somero en papel, publicado e informatizado, cun total de 1.492 rexistros.
Inventario detallado en ficha e informatizado, cun total de 4.598 rexistros.


5. Área de documentación asociada
5.1. Existencia e localización dos documentos orixinais

O Arquivo Histórico Provincial conserva algúns fondos documentais propios do “Instituto de Segunda Enseñanza” de Pontevedra, remitidos no seu día a esta institución para a súa custodia e conservación, que complementan os existentes nas instalacións de “Sánchez Cantón”, recollidos no inventario que segue.

Do conxunto documental conservado no AHPPO, superior ós 100 metros lineais, soamente unha pequena parte conta con instrumentos de descrición que permitan coñecer o seu verdadeiro contido.

En vista do interese desta documentación, engadimos un breve extracto desta, remitindo ós instrumentos descritivos do propio Arquivo Histórico Provincial a quen precise unha información máis ampla e detallada:
*Libros de actas de exames
Comprenden o período que vai de 1886 a 1928. Corresponden ós números, do 5.973 ó 6.015, das unidades de instalación do fondo xeral do AHPPO.
A partir do ano 1928 os libros de actas de exames consérvanse no propio arquivo do Instituto.
*Expedientes de alumnos
- Do propio Instituto de Pontevedra dende os anos 1845 a 1945
- Do Instituto de Tui dende 1933 a 1939
- Do Instituto da Estrada dende 1933 a 1937

Este grupo documental disponse nun fondo diferenciado, integrado por 427 unidades de instalación.

5.2. Existencia e localización de copias Non se coñecen, agás naquela documentación derivada dun proceso de colaboración con outras administracións (delegación de educación).
5.3. Unidades de descrición relacionadas Pola realidade administrativa podería atoparse documentación moi directamente relacionada co instituto e as súas actividades en arquivos doutras administracións do seu ameto xeográfico, especialmente na Delegación Provincial de Educación.
5.4. Nota de publicacións *“Inventario arquivo do instituto de Pontevedra”
Col “Patrimonio documental da provincia de Pontevedra”, nº 4
D.L. PO-391-95 ISBN 84-88363-53-2
*“O arquivo dos Institutos de Pontevedra”/ Begoña Pérez Losada. Separata Revista “Pontenova”, nº 5, pgs. 71-76
*"O Instituto de Pontevedra. Século e medio de historia, 1845-1995”/Varios autores.- Pontevedra: Deputación, 1997.
* Páxina web da Deputación de Pontevedra “depontevedra.es”


6. Área de notas
6.1. Notas


7. Área de control da descrición
7.1. Nota do arquiveiro Servizo Técnico do Patrimonio Documental
7.2. Regras ou normas General International Standar Archival description, Second Edition, ISAD (G)
7.3. Data da descripción Xullo de 2004

Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 25/10/2005 10:01
Copyright © 2002-2017, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/