[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
XOVES, 17 DE AGOSTO DE 2017 Páxina de inicio Mapa de contidos Directorio de contacto Directorio telefónico Axudas á navegación
   Está en » depontevedra.es » ..... » Patrimonio Documental » Guía do Patrimonio Documental da Provincia de Pontevedra
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Guía do Patrimonio
Documental da Provincia
de Pontevedra
Arquivo Deputación Provincial
Arquivo Histórico Provincial
Arquivos municipais
Arquivos das Entidades Locais Menores
Arquivo da Mancomunidade do Salnés
Arquivos dos Xulgados de Paz
Arquivos Capitular e Histórico Diocesano de Tui
Arquivo da Autoridade Portuaria
de Marín e Ría de Pontevedra
Coleccións documentais do Museo de Pontevedra
Fondo Cárcere Partido Xudicial de Tui
Coleccións documentais da Fundación Penzol
Arquivo do Instituto de Pontevedra
Sánchez Cantón
Arquivos das Irmandades e Cámaras Agrarias

Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte
GUÍA DO PATRIMONIO DOCUMENTAL DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA 

Arquivo da Irmandade de labregos e gandeiros de Dozón


[Prema (click) para ampliar a imaxe]
Arquivo da Irmandade de Dozón

Descrición FONDO. Norma ISAD (G)



1. Área de identificación
1.1. Código de referencia ES.36016.AISLG
1.2. Título Arquivo da Irmandade Sindical de Labregos e Gandeiros de Dozón
1.3. Datas 1944-1992
1.4. Nivel de descrición FONDO
1.5. Volume e soporte 27 unidades de instalación en soporte papel na súa totalidade


2. Área de contexto
2.1. Nome do produtor Irmandade Sindical de Labregos e Gandeiros de Dozón
2.2. Historia institucional/
Recesión biográfica

Un dos organismos administrativos presentes no Concello durante o período franquista, con continuidade funcional tamén na democracia, foi a Irmandade sindical de labradores e gandeiros en concepto de representante legal dun sistema de organización sindical agrario que atopaba nas delegacións locais das irmandades un modo de atender o conxunto da poboación ó mesmo tempo que permitía unha canalización dos intereses e necesidades corporativas do sector.

2.3. Historia arquivística

A Irmandade sindical de labradores e gandeiros de Dozón tivo como sede diversos locais alugados onde a delegación local do sindicato vertical viña cumprindo coas súas tarefas burocráticas con enormes dificultades de financiamento polo escaso número de productores agropecuarios do concello, o cal provocou que se situase baixo a influencia e supervisión da irmandade sindical de Lalín, cando menos ata finais dos anos 50, garantindo así o cumprimento dos servicios administrativos básicos para os que foi creada.

Esta situación inestable en canto ás infraestructuras e ós equipamentos manteríase ata a consecución dunha casa da irmandade propia construída ó pé da estrada nacional Ourense - Santiago entre os anos 1968 e 1969 tras a compra dun pequeno soar en 1967 situado en Castro-Dozón. O financiamento do novo edificio levouse a cabo mediante a concesión de diversas subvencións da COSA e outros organismos públicos de natureza agraria ademais das pertinentes achegas dos propios agricultores afiliados ó sindicato.

O edificio, situado á beira da casa do concello consta de dúas plantas, distribuídas antigamente a parte baixa en almacén - celeiro e a alta para acoller os servicios administrativos.
O feito da súa situación non vén máis que reforzar o papel do lugar do Castro como a nova capitalidade municipal tras o polémico traslado dende o lugar de Dozón motivado por ser neste centro de comunicacións onde se atopaban os principais servizos administrativos do momento (garda civil, concello, farmacia, etc..)

A substitución das irmandades polas novas cámaras agrarias no ano 1977 supuxo un declive da actividade deste organismo local de escaso peso polo seu desexo de aumentar a centralización dos servizos agrarios das cámaras chegándose ó total abandono e á supresión final nos anos 90. Na actualidade, o edificio, coa titularidade cedida pola Xunta de Galicia ó concello, mantén uns usos totalmente afastados dos fins agrarios e serve de local de ensaio de grupos musicais e garaxe particular ademais doutros usos ocasionais municipais manténdose nunhas precarias condicións de conservación.

Debido a estas razóns, e ante o risco da desaparición do volume documental existente no seu interior, para a súa organización e conservación trasladouse á propia casa do concello, unha moderna edificación de dúas plantas con dependencias suficientes no seu interior e en bo estado de conservación.

O local no cal se depositou a documentación está situado na parte baixa da casa do concello, o primeiro á dereita da escaleira de acceso á planta superior, cunha superficie aproximada de seis metros cadrados e unhas boas condicións de habitabilidade, iluminación e ventilación; comparte instalacións (estantería metálica, mesa de consulta) co arquivo do xulgado de paz e as últimas incorporacións do propio arquivo municipal que excederon a capacidade do local contiguo.

Nesta nova situación, suficiente en tanto que ó ser un arquivo pechado non sufrirá novas incorporacións, garántese a súa conservación, á espera dunha posible centralización nun mesmo local da escasa documentación conservada das antigas irmandades agrarias da provincia pontevedresa.

Como consecuencia desta actividade xerouse unha documentación que, conservada parcialmente no caso de Dozón, foi obxecto de tratamento nos meses de abril e maio do ano 2003 por parte do Servizo Técnico do Patrimonio Documental que permitiu que no momento actual estea nun espacio suficiente e ben equipado que garante a súa conservación así como o seu tratamento e consulta por parte da administración e os posibles usuarios interesados no seu contido.

2.4. Forma de ingreso Transferencia irregular.


3. Área de contido e estrutura
3.1. Alcance e contido

A documentación da Irmandade sindical de labradores e gandeiros de Dozón foi trasladada á casa do concello dende un departamento da planta superior do edificio sindical onde estaba amontoada no chan nunhas pésimas condicións de conservación; ademais accedían a esta persoas alleas ó valor histórico e cultural, o que puido provocar a perda de parte do conxunto documental antes do momento da mudanza.

Tras concluír os traballos de organización e descrición dos fondos documentais conservados púidose inventariar un total de 27 unidades de instalación, que abranguen un período cronolóxico amplo, acorde coa traxectoria funcional do organismo, que iría dende 1944 deica 1994. A pesar deste amplo espacio de tempo, a meirande parte do conxunto documental correspondería ó período comprendido entre principios dos anos 50 e o ano 1977 data en que as irmandades sindicais son relevadas polas novas cámaras agrarias, sendo moi minoritaria e pouco transcendente a partir desa data a nova cámara agraria volve funcionar como delegación da cámara agraria de Lalín.

A maior parte da documentación conservada pertence a dúas series concretas que ocupan practicamente o 75% das unidades de instalación.

En primeiro lugar, dentro da sección Administración destaca a serie 2.1, que engloba tanto a correspondencia e os oficios e circulares especialmente en relación a diversos organismos agrarios (COSA, Xefatura Agronómica, Mutualidade Social Agraria) coma as certificacións e comparecencias (necesarias para diversas cuestións do censo laboral agrícola) e os partes estatísticos de actividades solicitados pola superioridade.

En segundo lugar, dentro da sección de Servicios, comparte preponderancia cuantitativa a serie 3.1 correspondente á documentación xerada pola corresponsalía local da Mutualidade Agraria, a cal supón a meirande parte do conxunto documental posto que a tramitación dos asuntos referidos á Seguridade Social Agraria era o servizo máis importante ofrecido polas Irmandades ós agricultores ata o punto de que en Dozón é o único que ten un peso e presencia significativa e funcionamento regular.

Dentro desta serie merece especial mención a documentación conservada de altas e baixas no censo laboral agrícola pertencente a un período cronolóxico amplo incluíndo a máis antiga do conxunto, pertencente a 1944, así como as nóminas de cobro do subsidio familiar dende 1947, data de creación das cámaras oficiais sindicais agrarias. Pola contra tanto as nóminas de pago do subsidio de vellez e invalidez como o resto de documentación da serie está moi incompleta.

En canto á sección 1 de Goberno ten unha presencia case nula no conxunto, tan só se conservan copias soltas de actas de sesións plenarias tanto do cabido como de diversas xuntas e comisións e un expediente de constitución de xuntas parroquiais da irmandade téndose perdido pola contra series tan subliñables como os libros de actas do pleno, elementos documentais básicos para reconstruír a evolución do organismo agrario.

Esa ausencia é aplicable para o resto das seccións 2 e 3 non visto antes, un factor que pode indicar tanto a posibilidade de que se perdese esa documentación como a limitación das funcións realizadas na irmandade que non xerou no seu momento máis cantidade. Deste xeito, tan só é salientable a presencia dos censos agropecuarios solicitados pola superioridade ós organismos locais e que se estenden con relativa continuidade no tempo dende 1950 ata 1978.

Por último, a sección 4 de Facenda está razoablemente ben conservada posto que comprende o orzamento dende os anos 1952 ata 1974 así como os padróns da derrama agrícola (1954-1970), padrón de servicios (1968-1977) e documentación de recadación (1954-1974) ó pé doutra máis incompleta (contas bancarias, caixa).

Así pois, a pesar da simplicidade do aspecto funcional da delegación local agraria de Dozón e dos avatares e circunstancias da conservación do conxunto documental, este ofrece unha fonte de información moi útil para o estudio dunha parte substancial da realidade agraria do municipio na época franquista.

3.2. Valoración, selección e eliminación O conxunto documental da Irmandade foi, logo da súa supresión, trasladado a unha dependencia do Concello, onde se produciu a súa organización.
3.3. Novos ingresos Fondo documental pechado por ter desaparecido xa este órgano.
3.4. Organización
CADRO DE CLASIFICACIÓN

1.- GOBERNO

1.1. CABILDO / PLENO
.Expedientes sesións do Cabido da Irmandade
sindical de labradores e gandeiros
1956-1973 1
1.2. COMISIÓNS E XUNTAS
.Xuntas parroquiais 1973 1
.Expedientes sesións Comisión local da MNPSA 1961 1
.Expedientes sesións Xunta local de seguros sociais 1957-1961 1
.Expedientes sesións Comisión local de
reproducción gandeira
1972 1
1.3. PRESIDENTE

2.- ADMINISTRACIÓN

2.1. SECRETARÍA
.Estatística e memorias 1950-1970 7
.Instancias 1953-1974 8
.Certificacións 1953-1994 8
.Comparecencias 1951-1970 7
.Informes 1952-1991 8
2.2. REXISTRO
2.3. PATRIMONIO.CONTRATACIÓN
2.4. PERSOAL

3.- SERVIZOS

3.1. SEGURIDADE SOCIAL AGRARIA.
MUTUALIDADE
.Partes e censos afiliación á Seguridade
Social Agraria
1944-1968 9-10
.Nóminas e liquidacións 1947-1978 10-15
3.2. CENSOS AGRARIOS
.Censos e estatísticas agropecuarias 1950-1978 16
3.3. ELECCIÓNS
.Expedientes de eleccións 1954-1976 16
3.4. TRIBUNAL XURADO
.Actos conciliatorios e asesoramento legal 1964-1973 16
3.5. OBRAS E SUBVENCIÓNS - -
3.6. GRUPO DE COLONIZACIÓN - -
3.7. CRÉDITOS AGRÍCOLAS - -
3.8. ACTIVIDADES DESENVOLVEMENTO
AGROPECUARIA E RURAL
.Expedientes de mellora da vivenda rural 1961-1973 16
3.9. SOCIEDADES AGRARIAS DE
TRANFORMACIÓN
- -
3.10. SERVIZOS NACIONAL DO TRIGO
.Declaracións de cereais 1955-1967 17
3.11. CAMPAÑAS AGRÍCOLAS
.Expedientes de campañas agrícolas 1968-1969 17
3.12. FORMACIÓN AGROPECUARIA - -
3.13. DEFENSA PRAGAS. SEGUROS AGRARIOS.
MUTUAS GANDEIRAS
- -
3.14. COOPERATIVAS - -
3.15. GANDERÍA. CAZA E PESCA. MONTES

- -

4.- FACENDA

4.1. ORZAMENTO ORDINARIO - -
4.2. RECADACIÓN
.Contas de recadación. Radróns de derrama 1954-1977 19-21
4.3. CONTAS BANCARIAS. FACTURAS
.Libro de caixa 1968-1969 20
.Recibos, contas bancarias e facturas 1968-1970 21


4. Área de condicións de acceso e utilización
4.1. Condicións de acceso Documentación de caracter público, de consulta libre agás as limitacións legais derivadas das respectivas normativa vixentes.
4.2. Condición de reprodución Reproducción libre a solicitude do interesado, coa salvidade da protección documental e da salvagarda da súa integridade.
4.3. Lingua / escritura(s) dos documentos En castelán.
4.4. Características físicas
e requisitos técnicos
En soporte papel na súa totalidade, cun bo estado de conservación. Aprécianse notables perdas documentais.
4.5. Instrumentos de descrición Guía e cadro de clasificación en papel, publicados e informatizados.
Inventario somero en papel, publicado e informatizado, cun total de 27 unidades de instalación.


5. Área de documentación asociada
5.1. Existencia e localización dos documentos orixinais Pode localizarse abundante documentación derivada da directa relación existente no arquivo da Cámara Agraria Provincial, especialmente das actas dos órganos de goberno, presupostos, patrimonio ou circulares.
5.2. Existencia e localización de copias Non se coñecen.
5.3. Unidades de descrición relacionadas Non se coñecen.
5.4. Nota de publicacións *“Inventario do patrimonio documental das Irmandades de Labradores e Gandeiros: Mondariz-Balneario, Rodeiro, Dozón, Tomiño, Pontesampaio.”
Col. “Patrimonio documental da provincia de Pontevedra”, nº 54
D.L. PO-386-03 ISBN: 84-8457-170-X
*Conflitos institucionais na Galicia da posguerra. As "Hermandades sindicales de labradores y ganaderos" diante dos organismos da administración do estado e dos concellos / Daniel Lanero
Revista PONTEVEDRA: Estudios Provinciais. Nº 20, pgs 87-112
* Páxina web da Deputación de Pontevedra “depontevedra.es”


6. Área de notas
6.1. Notas A destrucción do fondo documental da Irmandades Locais da provincia de Pontevedra pon en valor a documentación aínda conservada no arquivo da Cámara Agraria Provincial de Pontevedra, pola súa relación directa de control e asesoramento.


7. Área de control da descrición
7.1. Nota do arquiveiro Servizo Técnico do Patrimonio Documental (STPDOC)
7.2. Regras ou normas General International Standar Archival description, Second Edition, ISAD (G)
7.3. Data da descripción Xullo de 2004

Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 30/03/2012 14:31
Copyright © 2002-2017, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/