[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
VENRES, 18 DE AGOSTO DE 2017 Páxina de inicio Mapa de contidos Directorio de contacto Directorio telefónico Axudas á navegación
   Está en » depontevedra.es » ..... » Patrimonio Documental » Guía do Patrimonio Documental da Provincia de Pontevedra
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Guía do Patrimonio
Documental da Provincia
de Pontevedra
Arquivo Deputación Provincial
Arquivo Histórico Provincial
Arquivos municipais
Arquivos das Entidades Locais Menores
Arquivo da Mancomunidade do Salnés
Arquivos dos Xulgados de Paz
Arquivos Capitular e Histórico Diocesano de Tui
Arquivo da Autoridade Portuaria
de Marín e Ría de Pontevedra
Coleccións documentais do Museo de Pontevedra
Fondo Cárcere Partido Xudicial de Tui
Coleccións documentais da Fundación Penzol
Arquivo do Instituto de Pontevedra
Sánchez Cantón
Arquivos das Irmandades e Cámaras Agrarias

Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte
GUÍA DO PATRIMONIO DOCUMENTAL DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA 

Fondo Ramón Otero Pedrayo



Ramón Otero Pedrayo
 
[Prema (click) para ampliar a imaxe]


1. Área de identificación
1.1. Código de referencia ES.36055.AFP.ROP
1.2. Título Fondo Ramón Otero Pedrayo
1.3. Datas 1535-2005
1.4. Nivel de descrición Fondo
1.5. Volume e soporte 19,8 m.l. aprox. (160 unidades de instalación)


2. Área de contexto
2.1. Nome do produtor Ramón Otero Pedrayo
2.2. Historia institucional/
Recesión biográfica
Ramón Antonio Vicente Otero Pedrayo nace en Ourense o 5 marzo de 1888. Nos seus anos de escola e instituto vive en Ourense, pasando longas tempadas na casa da aldea de Cima de Vila en Trasalba (Amoeiro – Ourense):

* (1905) Matricúlase na Universidade de Santiago de Compostela para facer o “Curso de ampliación”.
* (1905) Trasládase a Madrid para estudar na Universidade Central Filosofía e Letras e Dereito, obtendo o título de Doutor en Historia.
* (1911) Volve a Ourense coas dúas licenciaturas.
* (1914) Intégrase nun grupo de intelectuais fundadores do Ateneo ourensán, onde será tesoureiro.
* (1917) Con compañeiros do Ateneo, Risco e Cuevillas, edita La Centuria. No mesmo ano ingresa nas Irmandades da Fala.
* (1918) Forma parte da Xeración Nós.
* (1919) Aproba as oposicións á cátedra de Xeografía e Historia de ensino medio. O seu primeiro destino é un IEM de Burgos.
* (1920) Con destino en Santander coñece a Mª Josefa Bustamante coa que casa en 1923. Comeza unha intensa actividade periodística entre as que caben destacar a revista Nos, La Zarpa, La República, e Heraldo Gallego.
* (1921) Volve a Ourense como profesor de ensino medio.
* (1923) Incorpórase ao recén fundado Seminario de Estudos Galegos como responsable no eido da xeografía.
* (1930) Presidente da Asociación de Escritores Galegos.
* (1931) Impulsor do Partido Nacionalista Republicano de Ourense do que será presidente. Sae Deputado polo Partido Galeguista pola provincia de Ourense para as primeiras Cortes Constituíntes republicanas.
* (1937-1948) Debido á súa entrega á causa galeguista foi inhabilitidado e separado da cátedra polo réxime franquista. Retírase ao Pazo de Trasalba e conságrase á súa profesión de escritor, converténdose ademáis nun símbolo vivo da resistencia cultural.
* (1947) Primeira viaxe a América invitado polo Centro Galego de Buenos Aires, onde dará diversos discursos.
* (1948) Reposto de oficio na súa catedra, incorpórase ao Instituto de Ourense tras once anos de inhabilitación.
* (1950) Catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, por unanimidade de votación do Tribunal.
* (1950) Funda, xunto con outros membros das Mocidades Galeguistas, a Editorial Galaxia da que será presidente.
* (1958) Xubílase da docencia universitaria.
* (1959) Regresa a Ourense definitivamente. Fai a segunda viaxe á América convidado outra vez polo Centro Galego de Buenos Aires.
* (1962) Recibe o Premio Galicia da Fundación March.
* (1964) Gaña o Premio da Deputación Provincial de Ourense polo seu traballo sobre o Padre Feijóo.
* (1975) Na primavera morre a súa esposa, Dona Fita.
* (1976) O 10 de abril, morre en Amoeiro no seu Pazo de Trasalba.

Foi membro, tamén, das seguintes institucións:

· Membro de Número da Real Sociedad Geográfica Española
· Académico Correspondente da Real Academia Española
· Director da Sección de Xeografía do Seminario de Estudos Galegos
· Académico de Número da Real Academia Galega
· Membro do Patronato do Instituto “Padre Sarmiento” do CSIC
· Académico Correspondente da Real Academia de la Historia
· Cronista Oficial da Cidade de Ourense
· Membro do Padroado e da Comisión Permanente do Instituto de Estudios Ourensáns “Padre Feijóo”
· Membro do Padrodo do Colexio Universitario de Ourense

Utilizou os seguintes seudónimos e iniciais:

· Tristán de Montenegro
· Luis de Alba
· Juan Gallego
· Santiago Amaral
· Luis Peñanofre
· Cerro de los Santos
· R.O.P.
· O.T.

2.3. Historia arquivística

O fondo Ramón Otero Pedrayo consérvase na Fundación Penzol. Esta institución foi creada en Vigo, en 1963 por Fermín Fernández Penzol para acoller a doazón da súa biblioteca e arquivo. Instaláse na rúa Policarpo Sanz, 24 – 1º.

Dende o ano 1985 a Fundación Penzol, mercede ó convenio asinado co Concello de Vigo, trasládase cos seus fondos aos locais moito máis amplos da Casa Galega da Cultura, praza da Princesa, nº 2.

Francisco Fernández del Riego dirixiu esta biblioteca e arquivo dende a súa fundación. Foi él precisamente quen se encargou de cumprir a derradeira vontade de Ramón Otero Pedrayo, instalar o seu legado de documentos privados e familiares na Fundación Penzol para que despois de organizados puideran consultalos os investigadores. Na actualidade a dirección técnica lévaa Marián Vidal Fraile.

2.4. Forma de ingreso Esta documentación ingresou no ano 1977 por legado testamentario de Ramón Otero Pedrayo á Fundación Penzol. Os derradeiros ingresos realizáronse no ano 2005, o 6 de abril e o 13 de outubro, formados por 30 unidades de instalación (caixas de arquivo), con documentos de Otero Pedrayo que aínda se atopaban no Pazo de Trasalba.


3. Área de contido e estrutura
3.1. Alcance e contido

O fondo documental de Ramón Otero Pedrayo permite coñecer a súa traxectoria vital, profesional e intelectual, así como a vasta e plural obra dun dos máis importantes polígrafos da cultura galega. Ademais, serve de fonte histórica para investigar o ambiente da época, xa que foi un prestixioso coñecedor e intérprete de parte dos séculos XIX e XX galegos.

No conxunto do fondo salientan as seguintes series: Obra orixinal (30 unidades de instalación) de gran valor para a investigación da produción literaria e científica oteriana, formada por unha cantidade inxente de autógrafos de Otero Pedrayo (manuscritos ou mecanografados), nalgúns casos aínda inéditos ou xa publicados; Correspondencia, formada por 10.800 unidades documentais; e Fondos especiais, integrada por fotografías propias, alleas, debuxos, etc.

3.2. Valoración, selección e eliminación Non se realizou ningún proceso de expurgo, agás exemplares duplicados de formularios en branco.
3.3. Novos ingresos Non están previstos máis ingresos por tratarse dun fondo pechado. Os ingresos máis novos e derradeiros son os documentos contidos nas 30 caixas que chegaron en abril e outubro de 2005 dende o Pazo de Trasalba con documentación de todo tipo, pero salientando polo seu volume 10 caixas de arquivo de correspondencia e 8 caixas de obra orixinal.
3.4. Organización

A organización inicial e máis completa do Arquivo da Fundación Penzol débese á colaboración desinteresada dos arquiveiros Olga Gallego Domínguez e Pedro López Gómez, ata aproximadamente o ano 1990. Deixaron un inventario manual de boa parte do fondo, no que non estaba incluído o fondo de Ramón Otero Pedrayo.

Grazas ao Convenio do Programa Labora do 2003 entre o Concello de Vigo e a Xunta de Galicia, as contratadas Fátima López Martínez e Eva María Rodríguez Caeiro, puideron elaborar o catálogo informático da serie Correspondencia, coas cartas disponibles no fondo nese momento. Seguidamente mediante o Convenio asinado entre a Fundación Penzol e a Deputación de Pontevedra (11-xuño-2004), un equipo de traballo contratado por esta Deputación está a colaborar, dende xullo de 2004, na organización do Fondo Ramón Otero Pedrayo. O equipo está formado por dous arquiveiros (durante 18 meses): Isabel Couso Bravo e Jacobo Pérez-Bouzada Vázquez; e por unha filóloga (durante 10 meses) Pilar Vilaboi Freire. Así mesmo, na ordenación da serie Obra orixinal colaborou a filóloga, Concepción Álvarez Pousa (durante 12 meses), contratada do Programa Labora – Convenio Xunta-Concello de Vigo.

Para ultimar a organización e descrición deste fondo aínda quedan algúns traballos pendentes, pero xa se pode consultar o inventario no que se reflicte a información sobre as series documentais e a estrutura do fondo. Na actualidade estase abordando a fase de informatización. A serie Correspondencia, moi consultada polos investigadores, conta cun instrumento de descrición máis exhaustivo e concreto como é o catálogo. Está prevista a creación dos catálogos e/ou índices informatizados das series Obra orixinal e Fotografías.

Para a clasificación, organización e ordenación deste arquivo aplicáronse criterios e normas arquivísticas vixentes. Contamos ademáis coa inestimable axuda dos especialistas Dr. Camilo F. Valdeorras (Profesor de filoloxía galega e portuguesa da Universidade de Barcelona) para o apartado de produción científica e literaria; Miguel Pereira Figueroa (Xefe do Servicio de Patrimonio Documental da Deputación Provincial de Pontevedra) e Pablo Sánchez Ferro (Facultativo do Arquivo Histórico-Provincial de Ourense) para o tratamento arquivístico.


FONDO RAMÓN OTERO PEDRAYO

1. DOCUMENTOS PERSOAIS



1.1. Correspondencia 1796-1978
1.2. Documentos biográficos 1911-1975
1.3. Documentos identificativos 1906-1976
1.4. Estudios e formación académica 1899-1959
1.5. Asuntos xudiciais 1909-1975
1.6. Documentación médica 1907-1975
1.7. Homenaxes, honores, premios 1930-1981
1.8. Retallos de prensa sobre ROP S/D
1.9. Notas 1905-1976

2. DOCUMENTOS FAMILIARES

2.1. Bens forais s. XVI 1535-1599
2.2. Bens forais s. XVII 1601-1699
2.3. Bens forais s. XVIII 1700-1796
2.4. Bens forais s. XIV 1800-1899
2.5. Bens forais s. XX 1901-1925
2.6. Agra, Roque de 1813-1854
2.7. Ansoar, Francisco Antonio 1789-1843
2.8. Familia Rañoy 1854-1885
2.9. Otero Sotelo, Enrique 1849-1941
2.10. Otero Rodríguez, Antonio 1838-1869
2.11. Pedrayo, Bernardo María 1833-1874
2.12. Pedrayo Ansoar, Eladia 1884-1954
2.13. Pedrayo Ansoar, Nieves S/D
2.14. Pedrayo Ansoar, Ricardo 1919-1963
2.15. Pedrayo Silva, Ramón 1884-1928
2.16. Sotelo de Puga, Ramona 1866-1886
2.17. Sotelo de Puga, Vicenta 1889-1906
2.18. Sotelo Martínez, José María 1862-1868
2.19. Outros familiares 1771-1921
2.20. Cadro xenealóxio (2005)

3. PATRIMONIO E ADMINISTRACIÓN

3.1. Facturas e recibos 1909-1978
3.2. Bancos 1917-1976
3.3. Facturas e recibos 1904-1975
3.4. Libros de contas 1920-1972
3.5. Seguros 1909-1975
3.6. Patrimonio bibliográfico S/D
3.7. Asuntos forais de ROP 1907-1973
3.8. Contratos 1921-1976
3.9. Seguridade Social, xubilación, pensión 1929-1974
3.10. Mutualidade Catedráticos 1948-1973
3.11. Testamentos 1935-1975
3.12. Outros documentos patrimoniais e administ. 1908-1974
3.13. Impresos en branco 1880-1962

4. FUNCIÓN E ACTIVIDADES

4.1. Función docente 1921-1976
4.2. Actividade socio-cultural 1925-1976
4.3. Actividade política 1931-1972
4.4. Actividade editorial: Galaxia 1954-1972

5. OBRA ORIXINAL

5.1. Obra en verso
5.2. Obra en prosa
5.3. Traduccións 1931-1972

6. OBRA IMPRESA

6.1. "Parladoiro"
6.2. "Del Orense antiguo"
6.3. "Orense capital de la hospitalidad"
6.4. Artigos en galego
6.5. Artigos en castelán
6.6. Artigos con pseudónimo
6.7. Probas de impresión

7. FONDOS ESPECIAIS

7.1. Materiais cartográficos 1829-1971
7.2. Fotografías S/D
7.3. Tarxetas postais S/D
7.4. Estampas S/D
7.5. Debuxos S/D
7.6. Carteis S/D
7.7. Partituras 1958-1973

8. COLECCIÓNS

8.1. Felicitacións de nadal S/D
8.2. Retallos de prensa alleos S/D
8.3. Xantares (menús) 1929-1972
8.4. Bandeirolas S/D
8.5. Calendarios 1834-1973
8.6. Tarxetas de visita S/D
8.7. Participacións 1934-1975
8.8. Tarxetas necrolóxicas 1866-1976
8.9. Invitacións, felicitación e saúdas 1903-1976
8.10. Selos S/D
8.11. Ex-libris S/D
8.12. Obxectos persoais S/D

9. DOCUMENTOS ALLEOS

9.1. Informes, certificados
9.2. Documentos persoais
9.3. Asuntos xudiciais, políticos, administrativos
9.4. Obra orixinal
9.5. Obra en prosa



4. Área de condicións de acceso e utilización
4.1. Condicións de acceso

Os documentos deste legado son de carácter privado, ao igual que ocorre co resto dos fondos da Fundación Penzol.

Libre consulta pero suxeita a condicións especiais. Aínda non se redactou o regulamento sobre o funcionamento xeral do arquivo.

O horario de apertura ó público é de luns a venres das 9,00 ás 14,00 horas e das 17,00 ás 20,00 horas (do 16 de setembro ao 14 de xuño) e das 9,00 ás 14,00 horas (do 15 de xuño ao 15 de setembro).

4.2. Condición de reprodución Limitada polas condicións de conservación de documentos. Non se permite xerocopiado, nin escaneado. En casos excepcionais pemítese fotografar sen utilización de flash.
4.3. Lingua / escritura(s) dos documentos Uso preferente do galego na serie Correspondencia. Na serie Obra orixinal predomina o galego e o castelán, e se atopan nela algúns documentos en portugués, francés, alemán, latín e grego.
4.4. Características físicas
e requisitos técnicos
A documentación atópase en xeral en bo estado de conservación, aínda que algúns documentos forais e xurídicos, e privados moi antiguos precisan de tratamento. Os soportes son fundamentalmente en papel, tamén en pergamiño.
4.5. Instrumentos de descrición

Existen os seguintes instrumentos de descrición:

- Cadro de clasificación e inventario analítico xestionados informaticamente. Na actualidade está pendente o remate da informatización e a introdución de datos nos campos de datas extremas e de signaturas. Software utilizado: Filemarker.

- Catálogo e índice da serie Correspondencia (Access)

- Cadro xenealóxico da familia de Ramón Otero Pedrayo.

- GALLEGO DOMÍNGUEZ, OLGA e LÓPEZ GÓMEZ, PEDRO. Guía das Coleccións bibliográficas e documentais da Fundación Penzol. Vigo: Fundación Penzol, 1980.



5. Área de documentación asociada
5.1. Existencia e localización dos documentos orixinais
5.2. Existencia e localización de copias Existen copias dixitalizadas das cartas de Victoriano García Martí a Ramón Otero Pedrayo [Autógrafos manuscritos e mecanografados], (1952-1967), 44 pezas. Localizadas en: Fondos Especiais CD-42
5.3. Unidades de descrición relacionadas No arquivo da Fundación Pedro Barrié de la Maza (A Coruña), Fondo Domingo García Sabell, consérvase documentación de e sobre Ramón Otero Pedrayo que aínda está pendente de organización. Tamén existen documentos relacionados con Otero Pedrayo e da súa autoría no arquivo Francisco Fernández del Riego na Casa Galega da Cultura de Vigo.
5.4. Nota de publicacións

VIDAL FRAILE, Mª ANGELES. A Biblioteca de Don Fermín Penzol. In Actas das I Xornadas de Arquivos, Bibliotecas e Museos de Galicia (1ª. 1987. A Coruña). A Coruña: ANABAD-Galicia, 1987, p. 415-482.

VIDAL FRAILE, Mª ANGELES. Biblioteca Penzol. Buguina, xaneiro-febreiro 1998, nº 2, p. 16-18



6. Área de notas
6.1. Notas Un 20 % dos fondos está pendente de oraganización, descrición e/ou informatización.


7. Área de control da descrición
7.1. Nota do arquiveiro Persoal contratado temporalmente: técnico arquivístico: Isabel Couso Bravo e Jacobo Pérez-Bouzada Vázquez; persoal técnico filolóxico: Pilar Vilaboy Freire e Concepción Álvarez Pousa, baixo a dirección de Marián Vidal Fraile, directora técnica da Biblioteca Penzol.
7.2. Regras ou normas General International Standar Archival Description, Second edition, ISAD (G)
7.3. Data da descripción 2005, outubro, 31

Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 17/11/2005 13:23
Copyright © 2002-2017, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/